Paco Lodeiro Barbeito, directivo deportivista entre 1982 e 1986, faleceu hoxe aos 85 anos
- Lodeiro, realizando o saque de honra do partido do centenario do SD Sin Querer o pasado ano, xunto a Edu Seoane, fillo do ex porteiro deportivista e tamén ex fisioterapeuta branquiazul (Foto: SD Sen Querer) -
Francisco Lodeiro Barbeito, máis coñecido como Paco Lodeiro (A Coruña, 11 de xuño de 1938), directivo do RC Deportivo entre 1982 e 1986, faleceu esta tarde aos 85 anos de idade.
Paco Lodeiro exerceu como vicepresidente segundo e presidiu a comisión deportiva durante catro temporadas, as do mandato de Jesús Corzo Sierra.
O Deportivo pelexou denodadamente por regresar a Primeira División nesas catro campañas, acariñando o éxito en 1983 e 1986. Durante a súa etapa no Club chegaron aos Deportivo xogadores que deixaron pegada como Moreno, os arxentinos Carlos Brizzola e Verón, o croata Miloš Hrstić, Montes, Richard Moar, 'Flaco' Gil, o inglés Louie Donowa ou o tamén recentemente falecido Cano, así como, aínda en idade xuvenil, Fran e José Ramón.
Lodeiro tamén foi directivo no fútbol modesto, presidindo o SD Sin Querer, e adestrador no mesmo club, no San Tirso SD e no Sporting Sada. Ademais foi xogador nos seus anos mozos, tamén no equipo vermello e verde e no Español SD de Santa Lucía.
O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares e amigos de Lodeiro. DEP.