Baloncesto
CANASTRAS BRANQUIAZUIS DE IDA E VOLTA
O equipo de baloncesto do RC Deportivo é o que máis idas e vindas ten ao longo da historia das seccións deportivas branquiazuis, alternando aparicións esporádicas con campañas completas, aínda que sempre a nivel local e provincial, nunca rexional ou nacional.
As inclemencias meteorolóxicas aprazan a estrea da sección baloncestística do RC Deportivo, que debe debutar no Campionato Provincial de 1943 un domingo 31 de xaneiro e ten que facelo dous días despois, un martes, día 2 de febreiro. A pista do Liceo de Artesáns de Monelos acolle a primeira xornada do torneo. No segundo partido, o Deportivo mídese ao Juventud, que se impón por un axustado 12-13. Os branquiazuis forman con Ruiz, Royo, Antonio González, Segundo López, Miguel Sáez e Ramiro Muñoz.
Naquel campionato, que chega ao seu fin o 28 de marzo de 1943, o Deportivo conclúe na cuarta posición de cinco participantes, por detrás do Albatros, Liceo de Monelos e Juventud e por diante do Club do Mar.
Unha década despois, o 20 de xuño de 1954, o equipo reaparece para enfrontarse a unha selección de tres buques de guerra norteamericanos (o cruceiro 'Des Moines' e os destrutores 'Steinacker' e 'Vesole') que o día anterior atracan no porto herculino. Os branquiazuis perden 40-51, cos seguintes xogadores: Ricardo Acebal, Rafael Borrás, Fernando Bremón, César Martínez Cedillo, Chavo, Francisco Latorre, Ramón Fernández Regal, Rodríguez e José Villa. O encontro dispútase nas pistas de tenis que había no lugar que hoxe en día ocupan as Polideportivas 1 e 2 de Riazor.
Na Temporada 1965-1966, o RC Deportivo finaliza o Campionato de Terceira División (liga provincial) na segunda posición. Os coruñeses empatan a puntos (13) co campión, o OAR Ferrol, ao que se impoñen por 43-39 na última xornada, o 24 de abril de 1966, cando necesitan vencer por 17 puntos para dar a volta ao basket-averaje.