RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Anos 50

Image

A DÉCADA DOURADA DO DEPORTIVISMO

O RC Deportivo comezou os anos 50 fichando dous novos xogadores suramericanos, Corcuera e Oswaldo, que integrarán a dianteira titular destes anos xunto a Franco, Moll e Tino: tres arxentinos, un uruguaio e un coruñés de San Pedro de Nós, coñecidos como a "Orquestra Canaro". Esta dianteira marcou, na Temporada 1950-1951, 64 goles en 30 partidos. A pesar da súa enorme produción ofensiva, aquel equipazo evitou o descenso ao se impor na última xornada, en Riazor, ao Murcia.

Eran os comezos do que entón se chamou a "década de ouro" do Deportivo e que se prolongou até 1957. Os resultados finais na Liga de Primeira División, na que se mantivo durante nove temporadas consecutivas, foron máis que aceptables. Aínda que en 1953 houbo de participar nunha liguiña de Promoción, resolvida positivamente na última xornada, cun inesperado e histórico triunfo en Balaídos ante o Celta (1-3), o Club alcanzou postos que lle permitían manter a categoría con tranquilidade.

Alén diso, nesta década o Deportivo gozou de adestradores como Helenio Herrera (técnico naquela Promoción) e de xogadores como Luis Suárez e Pahíño.

A esa considerada idade de ouro do Deportivo sucederíalle unha etapa de esperanzas e desilusións compartidas, do sobe e baixa, a pesar de contar o Club con grandes xogadores para gloria do fútbol nacional e mundial. Todo comezou co descenso ao final da Temporada 1956-1957, ao que lle seguiu unha dramática Promoción de Permanencia na categoría de Prata. O equipo branquiazul evitou o descenso a Terceira ao derrotar naquela eliminatoria a dobre volta o Ourense.