RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Anos 70

Image

COMEZA A "LONGA NOITE DE PEDRA"

A década dos 70 quedou marcada como a peor na historia do Club. O RC Deportivo tocou fondo ao caer á Terceira División en 1974 e na Segunda B en 1980. A curva de descenso de prestixio social e deportivo víase acentuada polo incremento constante da débeda económica.

O 20 de maio de 1973, o RC Deportivo despedíase da Primeira División, aínda que non o sabía, por moito tempo. A derrota nun Vicente Calderón que festexaba o título de Liga provocaba o descenso do equipo branquiazul, que abría unha enorme paréntese na súa Historia. Aquel adeus á elite ía traer consigo unha xigantesca fochanca da que custou moitos anos e esforzos saír.

A máis aciaga campaña foi a seguinte, a 1973-1974, co descenso a Terceira. Houbo dimisión do Presidente, destitución de tres adestradores e numerosas fichaxes erradas. Ninguén podía acreditar que o equipo que dous anos antes estivo a se relacionar co mellor do fútbol español fose ter que enfrontarse ao Turón, ao Astillero ou ao Gernika. Mais a seguinte campaña, baixo a batuta dun José Antonio Irulegui que non puidera evitar o descenso nas cinco últimas xornadas do curso previo, logrouse o ascenso con Seoane; Belló, Luis, Canosa; Cobas, Canario; Piño, Vales, Castro, Muñoz e Rabadeira como equipo máis habitual.

Na Temporada do retorno a Segunda, a 1975-1976, chegou un novo técnico, José Antonio Naya e o equipo acabou, xa baixo a batuta de "Cheché" Martín, quinto na táboa. Tras un fulgurante comezo de campaña, o RC Deportivo que era líder a falta de dez xornadas para a conclusión do campionato, veuse abaixo no tramo final. Foi o inicio doutra costa abaixo. Undécimo, oitavo, décimo quinto... e décimo oitavo, para concretar un novo descenso, esta vez á recentemente creada Segunda División B, á conclusión dunha nefasta Temporada 1979-1980.

Baile de adestradores, rendemento deportivo gris e unha débeda que ascendía en xullo de 1978 a 83 millóns de pesetas. O panorama pintaba realmente escuro.