RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Hóckey herba

Image

UN BOLAZO QUE CONMOCIONOU AOS PIONEIROS

Após uns primeiros anos sen gran actividade, na Temporada 1946-1947 o equipo do RC Deportivo de hóckey sobre herba queda subcampión galego, só superado polo Alerta de Vigo.

O 8 de febreiro de 1948, nun partido en Ourense entre o equipo local e o Deportivo, o branquiazul Manolé Durán recibe unha forte bolada na mandíbula, caendo fulminado sobre o terreo de xogo. Malia recuperarse da conmoción, decide non volver xogar máis ao hóckey herba, seguindo os seus pasos outros compoñentes do equipo. Forman o conxunto deportivista aquel día Antonio de Carricarte, Manolé Durán, Jaime Guimaráens, Javier Guimaráens, Enrique Guyatt, Fernando López Riobóo, Antonio Macho, Pérez Pombo, José María Prieto-Puga, Diego Vela e Roberto Vidal.

Malia que semella que a sección de hóckey herba do RC Deportivo ten os seus días contados debido ao impactante accidente mantén a súa actividade, aínda que soamente a nivel local, unha década máis.

Nunha das súas últimas aparicións, o 3 de setembro de 1957, o equipo disputa o trofeo das Vodas de Ouro do RC Deportivo, contra o CD Junior de Madrid, no campo de adestramento de Riazor, no lugar no que agora se atopa o Palacio dos Deportes.