RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Anos 40

Image

DO PRIMEIRO ASCENSO AO SUBCAMPIONATO

Co fin do conflito bélico "naceu" outro Dépor. Acuña e Chacho eran dous líderes para un equipo que na Temporada 1939-40 conquistou un novo cetro galego e proclamouse campión do Grupo I da Segunda División. Na liguiña de ascenso, o triplo empate final con Murcia e Cádiz levou a Primeira os pimentoneiros e mandou os herculinos a unha promoción a partido único co Celta. Os vigueses mantiveron a súa praza en Primeira mercé a unha vitoria pola mínima.

Foi a Temporada 1940-1941 na que chegou o ansiado ascenso a Primeira División, após gañar a promoción, precisamente ao Murcia, por 2-1. O equipo estaba formado por Acuña; Novo, Pedrito; Muntané, Molaza, Reboredo; Breijo, Guimeráns, Elícegui, Chacho e Chao, baixo a dirección do técnico Hilario Marrero. Cada xogador do Deportivo recibiu polo ascenso 2.000 pesetas, recadadas mediante subscricións públicas pola débil economía do Club.

O alto nivel que ía alcanzando o equipo expuña a necesidade doutro escenario e así, en 1944, inaugurouse o novo Estadio de Riazor, situado no mesmo enclave que o actual, a só uns metros de onde se achaba o antigo Parque de Riazor.

A pesar de vivir dous descensos a Segunda, en 1945 e 1947, non tardaría en chegar un dos maiores éxitos na historia do Club. Cinco anos despois da inauguración de Riazor, o RC Deportivo alcanzou o subcampeonato de Liga na Temporada 1949-1950. Presidía a sociedade Daniel Chaver Gómez e o técnico, o arxentino Alejandro Scopelli, dirixía un conxunto tipo integrado por Acuña; Pedrito, Ponte; Botana, Juanete, Guimeráns; Tino, Dieste, Ponce, Moll e Rafael Franco.

O equipo fora campión durante catro minutos na última xornada, os que mediaron entre o gol que adiantou ao Valencia no Metropolitano, obra de Igoa, e o empate do Atlético de Madrid, logrado por Ben Barek, cando o Deportivo xa gañaba en San Mamés mercé a un madrugador gol de Rafael Franco. Os empates finais en ambos os partidos deron o título ao equipo "colchoneiro".