RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Camisetas históricas

O uniforme do RC Deportivo variou de deseño en distintas ocasións ao longo da súa dilatada historia, desde que na segunda década do século XX o Club Deportivo de la Sala Calvet optase por defender unha camiseta a raias verticais azuis e brancas, e un pantalón negro.

Durante o primeiro lustro de vida do RC Deportivo, o equipo saía a disputar os seus encontros con camiseta gris, pantalón negro e medias negras con dúas faixas horizontais brancas, como di a primeira páxina do primeiro libro de actas que conserva o Club.

Foi a partir de 1910 cando se adoptaron o escudo e as cores azul e branco nos partidos. Desde entón o club loitou por defendelos, introducíndose pequenos cambios na camiseta, basicamente no tamaño, localización e sentido das faixas e dorsais.

Así, as camisolas mantivéronse con franxas verticais estreitas ata 1920, cando se ensancharon, dándolle así un aspecto máis "moderno" á camisola mais dous anos máis tarde retornaríase ás xa tradicionais bandas estreitas.

Soamente nunhas poucas temporadas, como a 1926-1927, a 1927-1928 ou a 1939-1940, imperaron as faixas largas. A continuación viría unha longa etapa coas faixas estreitas, nun principio complementadas con pantalón negro e despois con pantalón azul, ata a Temporada 1967-1968, en que se resucitaron as anchas, que levaron até a Temporada 1972-1973.

Na temporada do descenso a Terceira recuperáronse as faixas estreitas, que se manterían durante os anos 80. Ao longo da devandita década apareceron as primeiras marcas de roupa (AUSTRAL, GILCOR, RAFREI...) e o primeiro patrocinador, HOTEL RÍAS ALTAS, na Temporada 1985-1986.

Na Asemblea Ordinaria do Deportivo a mediados de 1990, a directiva sacou adiante a idea de dotar dunha nova e máis moderna indumentaria ao Deportivo, sen perder a identidade ou marca de nacemento: as habituais cores azul e branca. O 20 de xaneiro de 1991, na última xornada da primeira volta, ante o Murcia na Condomina, estreábase o novo deseño, obra de Enrique Cabarcos, coa primeira raia horizontal á altura dos ombreiros, para caer as demais verticalmente, tras facer a segunda franxa ángulo recto á altura do peito.

As faixas deixaban de seren totalmente verticais para pasar a ser en forma de "T". O cambio foi realizado pola empresa ROX, sendo por entón patrocinador LEYMA. Posteriormente, após sucesivos cambios óptase, recentemente comezada a Temporada 1992-1993, por UMBRO, que fai un deseño moi similar, mudando a publicidade a FEIRACO. Máis tarde, concretamente na Temporada 1997-1998, a nova marca ADIDAS introduce de novo as raias totalmente verticais, eliminando a horizontal.

Na campaña 1998-1999, as franxas verticais voltan a "engordar". Adidas continuou fornecendo o material deportivo ao noso Club até o 30 de xuño de 2001, aínda que trala consecución da liga (1999-2000) produciuse un cambio de patrocinador: Feiraco por SEGA DREAMCAST, co que se produciu o debut na Liga de Campións.

A partir do verán de 2001, o RC Deportivo vestiu JOMA e o seu patrocinador era FADESA. A marca toledana introduciu ao longo das súas seis temporadas vestindo o Club coruñés uniformes suplentes de diversas cores: raias roxinegras, gris prateado, laranxa e azul, azul mariño, verde pistacho, azul mariño cunha cruz dourada ou fucsia.

Alén diso, presentou un modelo de camiseta especial para o encontro da final de Copa do Rei ante o Real Madrid, cunha serie de detalles bordados nas mangas: a data (6-3-2002) e Estadio onde se disputou o encontro, unha Copa do Rei e os nomes dos finalistas. Tamén realizou outro deseño especial para o Centenario do Club, en 2006, co pescozo fechado por cordóns e a faixa central branca e non azul.

A empresa neozelandesa CANTERBURY vestiu o RC Deportivo entre 2007 e 2009. Cumpridos dous terzos da segunda temporada, ESTRELLA GALICIA incorporouse como novo patrocinador, debutando na visita do equipo ao Estadio do Molinón. Durante aquelas dúas temporadas, os equipamentos suplentes repetíronse: unha totalmente negra e a outra predominantemente vermella. Na principal, a faixa central volveu ser branca en lugar de azul.

Entre 2009 e 2017, LOTTO e ESTRELLA GALICIA compartiron o seu espazo na elástica deportivista. No seu primeiro ano, a marca italiana recuperou para o terceiro equipamento o branco, que non se utilizaba desde case dúas décadas atrás. Para a Temporada 2010-2011 deseñou a zamarra con máis franxas azuis da historia do club: sete. Negro, morado, laranxa, azul mariño, amarelo, granate, vermello ou gris, co histórico equipamento Orixe 1906 que imitou o primeiro uniforme do Club no 110 aniversario, foron as cores alternativas elixidas polo fabricante transalpino, ademais da incorporación, para a Temporada 2014-15, do equipamento coa bandeira galega.

Desde o verán de 2017, outra marca italiana, MACRON, foi o patrocinador técnico durante catro temporadas, ata xuño de 2021, cando a tamén italiana KAPPA firmou contrato co Club por cinco anos, até xuño de 2026.