Boxeo
A MAN DE PONTE PATIÑO E OS PUÑOS DE JOAQUÍN ALEJOS
O 14 de xuño de 1942, o equipo do RC Deportivo ingresa na Federación Española de Boxeo. O xornalista Manuel Ponte Patiño, o mesmo que bautizou á mítica dianteira deportivista do curso 1950-1951 como 'Orquestra Canaro', é un dos grandes valedores da sección, da que exerce como delegado, mentres que o adestrador é Alfonso Seijo.
Os mellores boxeadores do equipo participan en varias edicións dos Campionatos de España de Afeccionados. A maior xesta da sección pugilística branquiazul prodúcese o 7 de outubro de 1944, cando Joaquín Alejos proclámase campión de España do peso pluma, no Frontón Cinema de Zaragoza. O boxeador mugardés deixa na cuneta en semifinais ao biscaíño Agustín Argote e na final imponse a outro vasco, Víctor Belandia. Na súa primeira participación como deportivista, en Bilbao, durante a primeira semana de decembro de 1942, Alejos alcanza o subcampeonato de España, despois de eliminar ao galego Pardo, ao andaluz Aguilar e ao valenciano Zaragoza e caer na final, por estreita marxe de puntos, ante o guipuscoano Mariano Goyenechea.
O 27 de outubro de 1954, o RC Deportivo ficha como delegado da sección a Francisco Beltrán, un dos mellores púxiles galegos da historia, campión de España profesional en 1945, coñecido como 'El Toro del Matadero' e que durante a súa mocidade adestrouse no berce do Club, a Sala Calvet. Con todo, a sección apenas ten percorrido baixo a súa dirección e bota o peche durante o ano seguinte, 1955.