RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Inicios

Image

O DÉPOR NACE NUN XIMNASIO

A historia do Real Club Deportivo está cargada de sentimentos, alegrías e tristezas, ao longo da fecundidade dos seus máis de 100 anos de traxectoria. O fútbol chega á cidade herculina por mar nos últimos anos do Século XIX, procedente do Reino Unido, e nos inicios do novo século, comeza a ser organizado por un arousán, José María Abalo.

En marzo de 1904, ten lugar no Corralón da Gaiteira o primeiro partido "serio" de fútbol disputado na Coruña. Despois dos ensinos de Abalo aos seus compañeiros na antiga praza de touros, pasouse ao novo recinto para que un combinado coruñés, co pomposo nome de "Corunna", se enfrontase á tripulación do barco inglés "Dilligent". Sentáronse así as bases para que este novo deporte se instalase na cidade de maneira definitiva.

A historia do RC Deportivo, aínda que non quedou formalmente constituído até o 9 de xaneiro de 1907, remóntase a 1906, ano en que comezou a funcionar, coa disputa de diversos partidos amigables, o Club Deportivo de la Sala Calvet, un prestixioso ximnasio da rúa Galera, en pleno corazón da cidade. O seu primeiro presidente foi Luis Cornide e a súa primeira formación a integrada por Salvador Fojón, Venancio Deus, Juan Long, Ángel Rodríguez, Manuel Álvarez, Daniel Aler, Juan Manuel López, Félix de Paz, Virgilio Rodríguez, Pedro Martínez Urioste e José Rodríguez. Era un Club dunha modalidade deportiva nova, considerada "exótica" polos mozos da época.

O 11 de marzo de 1907 o gobernador civil, Luis Moyano, aproba os estatutos e regulamentos da nova sociedade. Ano e medio despois, SM o Rei Alfonso XIII, concede ao Club o título de Real, ao mesmo tempo que acepta a presidencia de honra do xa convertido en Real Club Deportivo de La Coruña.

A febre do fútbol xa prendera en toda a cidade, o que provocou que, coincidindo co bautismo "real" do Club, se inaugurase no mesmo ano o primeiro campo do RC Deportivo, o Parque de Riazor, que se estrearía cun partido ante o Fortuna de Vigo.

Este primeiro recinto deportivo tiña 18.000 metros cadrados e as súas bancadas tiñan cabida para 6.000 afeccionados. O seu impulsor e realizador fora Federico Fernández Amor-Calvet. O antigo campo do Parque de Riazor estaba situado nas instalacións que agora ocupa o Colexio das Escravas. A presidencia do Deportivo ostentábaa nesta época Laureano Martínez e o equipo que inaugurou o campo foi o formado por Martínez; Long, Ancos; De Llano, Martínez, Blanco Rajoy; Rodríguez, Álvarez, Virgilio, De Paz e Portela.

Pouco despois, o Deportivo conquistou o primeiro título oficial da súa historia, a Copa España de 1912. Os branquiazuis impuxéronse ao Vigo FC para conquistar un trofeo organizado pola Federación Española de Clubs de Foot-ball, que co tempo caeu no esquecemento até que unha investigación xornalística e a conservación da copa por parte do Club fixeron que a RFEF reconocese a súa oficialidade a comenzos de 2023, máis dun século despois da súa desputa.