Yeremay entrou na lista facilitada polo seleccionador nacional Sub-21, Santi Denia, para afrontar os dous partidos cos que a selección española pecha a fase de clasificación para o Campionato de Europa sub-21 de Eslovaquia 2025.
España enfrontarase o xoves 10 de outubro, ás 20.30 horas, a Kazajistán en La Línea de la Concepción; e, 5 días despois, o martes 15 de outubro ás 17.00 horas recibirá a Malta no Estadio Nuevo Mirador de Algeciras.
Yeremay viaxará este luns 7 de outubro a Madrid para incorporarse á concentración.
O RC Deportivo felicita en primeiro lugar a Yeremay pola súa convocatoria e considera que é o recoñecemento ao seu gran traballo; pero ao mesmo tempo lamenta o prexuízo deportivo que lle supón non poder contar polo citado motivo cun xogador fundamental no encontro contra o Elche CF da próxima xornada.
En segundo lugar subliña que non deter a Liga Hypermotion durante o período FIFA de seleccións representa un importante menoscabo para a competición e para os clubs que perden futbolistas pola citación das seleccións.
E terceiro espera que esta anomalía poida solucionarse nun futuro polo ben da competición e dos clubs.
A pesar de non poder contar con Yeremay para o encontro da próxima xornada, o equipo xa está centrado en preparar o partido en Elche e lograr un resultado positivo.