RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor renova a David Mella até 2029

David Mella Boullón (Santiago de Compostela, 23 de maio de 2005) renovou o seu contrato co RC Deportivo até xuño de 2029.

O canteirán prorrogara en 2023 un contrato que vencía en xuño de 2026.

Mella é un produto da Cidade Deportiva de Abegondo. Chegou a #ANOSACANTEIRA ao equipo alevín na temporada 2016-17. Aínda en idade cadete, proclamouse campión de España co Xuvenil A (temporada 2020-21) ás ordes de Óscar Gilsanz.

A campaña seguinte (2021-22), sendo xuvenil de primeiro ano, foi un dos xogadores máis destacados na histórica participación do Dépor na UEFA Youth League, con partidos memorables en ABANCA-RIAZOR que asombraron a toda Europa.

Foi un dos fixos no Fabril de Tercera RFEF co que conseguiu o ascenso a Segunda Federación a temporada 2022-23, como campión do Grupo 1, á vez que aos poucos foi participando no primeiro equipo. O 20 de maio de 2023 debutou en partido oficial en ABANCA-RIAZOR ante o Algeciras CF saíndo desde o banco e á semana seguinte foi titular ante o Pontevedra CF, en Pasarón, no peche da liga.

Até a data, suma 13 partidos en LaLiga Hypermotion, contabilizando 2 goles e 3 asistencias; 31 encontros en Primera Federación, con 6 tantos e 3 asistencias; e 2 partidos en Copa del Rey, sumando 2 goles.

David Mella é internacional coa selección española en categorías Sub-15, Sub-16, Sub-17, Sub-18 e Sub-19. En 2022, tivo a oportunidade de xogar o Campionato de Europa Sub-17, onde anotou 1 gol, nun torneo no que España foi apeada por Portugal en cuartos de final.

Con esta renovación o Deportivo asegúrase a continuidade dun dos grandes talentos da Cidade Deportiva de Abegondo e reafirma unha vez máis a súa aposta pola canteira.

David Mella comparecerá en rolda de prensa o martes 12 de novembro ás 13:30 na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.