O Deportivo levou os tres puntos da visita ao FC Barcelona Atlètic, que non perdera no Estadi Johan Cruyff, grazas a un gol de Davo no tempo engadido dun segundo tempo no que os branquiazuis, que comezaron perdendo, fixéronse acredores con fartura do que acabaron logrando na prolongación.
Imanol Idiakez, técnico deportivista, realizou un só cambio con respecto ao equipo inicial que presentou na pasada xornada fronte ao CA Osasuna B en ABANCA-RIAZOR. Yeremay ocupou a posición de Hugo Rama.
O Dépor apostou por unha presión extremadamente alta para poñer en apertos a un filial azulgrana que, como non podía ser doutra maneira, aposta por saír sempre co balón xogado.
No minuto 6, Diego Villares estivo a piques de adiantar aos coruñeses. Recibiu un pase en profundidade de Davo e o seu punteirolo desviouno Marc Vidal. A resposta local chegou no minuto 10, nunha dobre ocasión de Pau Víctor e Aleix Garrido. O disparo de socato do primeiro desviouno Germán co rostro. O rexeite rematouno fóra o segundo, co meta deportivista desprazado do seu marco.
A seguinte chegada clara dos locais converteuse no primeiro gol do partido. Pau Víctor recibiu en profundidade de Héctor Fort ás costas dos centrais deportivistas, recortou a Germán cara a fóra e case sen ángulo levou o coiro ao fondo das mallas. Corría o minuto 18.
O Dépor nin veuse abaixo nin cambiou o seu plan. Mantivo as súas constantes vitais e grazas á presión alta logrou o empate. Cumpríase a media hora cando Diego Villares punteou un mal control de Mikayil e quedou na dereita da área só ante Marc Vidal, ao que bateu cun disparo colocado. Foi o segundo tanto consecutivo do villalbés tralo anotado ante o filial osasunista e tamén o segundo no que vai de temporada.
Os minutos finais da primeira metade foron os únicos de maior dominio local. O filial barcelonista gozou de varias chegadas claras. No minuto 33, Alarcón recolleu un rebote e xa desde dentro da área buscou o recanto contrario pero o balón foise fóra. No 38, Germán blocou un dereitazo cruzado raso de Cuéllar. Dous minutos despois, de novo Alarcón sacou un potente zurdazo raso que o gardameta deportivista desviou a córner.
Entre medias, Jose Ángel disparou alto desde 25 metros, no minuto 37. E Yeremay pechou o primeiro acto coa mellor ocasión herculina no primeiro período. O canario recolleu unha deixada de cabeza cara atrás de Diego Villares a balón colgado de Pablo Vázquez e tentou colocar a pelota no pau máis afastado. O esférico perdeuse pola liña de fondo rozando a madeira.
A segunda metade arrancou dúas ocasións claras, unha por bando. A primeira foi para o Dépor, no minuto 49. Centrou Yeremay e Davo, en posición favorable ao bordo da área pequena, cabeceou moi desviado. Dous minutos despois, Alarcón disparou moi desviado despois de quedar só dentro da área após unha parede con Pau Víctor.
A partir dese momento, o Dépor empezou a apropiarse do partido. Cada vez recuperou máis balóns na saída da pelota do equipo catalán e puxo a proba a Marc Vidal en numerosas ocasións.
Recentemente superada a media hora, Jose Ángel culminou un longo ataque deportivista cun disparo afastado que detivo o porteiro azulgrana. Marc Vidal salvou ao seu equipo no minuto 64, cando Paris Adot roubou en tres cuartos, cedeu cara á media lúa para Diego Villares e este soltou un duro pero centrado zurdazo que o gardameta local desviou a saque de esquina.
Após unha acción trenzada pola esquerda, no minuto 72, Mella púxolla a Lucas na media lúa. O '7' preferiu controlar o esférico, dando tempo a que Mikayil cruzásese ante o seu duro disparo, que acabou en córner. O capitán branquiazul volveu aparecer no minuto 78, para estrelar un potentísimo zurdazo no traveseiro. E de novo estivo presente no nacemento doutra clara ocasión, no minuto 83. O de Monelos colgou unha falta ao segundo pau, alí baixouna Pablo Vázquez e, a só dous metros da liña de gol, Diego Villares cabeceou por riba do traveseiro.
A única oportunidade barcelonista na última media hora de xogo foi a balón parado, cando Percan cabeceou alto, en posición favorable, unha falta lateral colgada por Moha no minuto 87.
Xa no tempo engadido, Pablo Martínez evitou unha incursión ao contragolpe do propio Percan que lle custou a quinta amarela, que lle impedirá xogar a próxima xornada. O libre directo botouno Mikayil, nun durísimo zurdazo que levaba veleno pero que golpeou en Pau Víctor e acabou en saque de porta. Nese mesmo saque, Germán golpeou en longo, despexou o rapaz Cubarsí, de só 16 anos e que entrara por lesión de Mbacke, pero o coiro petou en Lucas e quedoulle aos pés para lanzar en profundidade a Davo. No man a man, o asturiano coou a pelota entre a perna e o brazo dereitos de Marc Vidal, dando a vitoria ao equipo branquiazul co seu segundo tanto no que vai de temporada.
Apenas se xogou un minuto máis, no que o Dépor controlou a situación para asegurarse a súa quinta vitoria do curso, terceira lonxe de ABANCA-RIAZOR e primeira despois de dous empates consecutivos, para alcanzar, despois de 15 xornadas, os 22 puntos, a 4 dos postos de playoff de ascenso. Así mesmo, os branquiazuis suman catro xornadas sen coñecer a derrota.
FC Barcelona Atlètic: Marc Vidal, Héctor Fort (Joan Anaya, min. 84), Mbacke (Cubarsí, min. 63), Mikayil, Gerard Martín, Aleix Garrido, Marc Casadó, Moha, Cuéllar (Unai, min. 61), Pau Víctor e Alarcón (Percan, min. 84).
RC Deportivo: Germán, Paris Adot, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Diego Villares, Jose Ángel, Salva Sevilla, Davo (Jaime, min. 90+5), Lucas e Yeremay (Mella, min. 70).
Goles: 1-0 Pau Víctor (min. 18); 1-1 Diego Villares (min. 30); 1-2 Davo (min. 90+3).
Árbitro: Luis Bestard Servera (c. balear). Cartón amarelo ao segundo técnico deportivista Mario Gibanel (min. 36), Diego Villares (min. 55), Yeremay (min. 60), Salva Sevilla (min. 77), Aleix Garrido (min. 77), Pau Víctor (min. 88), Pablo Martínez (min. 90+1) e Marc Casadó (min. 90+5).
Incidencias: partido correspondente á 15ª xornada do grupo 1 de Primera Federación no Estadi Johan Cruyff.