RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAFORZA

Datos sociais do Real Club Deportivo ao peche da Temporada 2023-2024

O peche da Temporada 2023-2024 deixa unha serie de cifras que volven a exemplificar o gran apoio que sustenta ao Real Club Deportivo, personalizado especialmente nas súas socias e socios, #ANOSAFORZA que empuxa con enerxía os 365 días do ano, ano tras ano.

Dous datos plasman principalmente o incondicional respaldo do Deportivismo ao seu equipo e ao Club.

O primeiro, o número total de abonados (29.007), de novo récord histórico da terceira categoría do fútbol español e cifra que supera a 35 dos 42 equipos de Primera e Segunda División. O segundo, o enorme número de altas (6.198), a segunda maior cifra dos últimos 20 anos trala establecida o curso anterior, 2022-2023.

Na distribución por xénero das 29.007 persoas abonadas, 6.993 das mesmas son mulleres, é dicir, o 24,1 %, o que supón un aumento de case o 6 % desde fai tres campañas e alcanza practicamente a cuarta parte da masa social. Os homes suman 21.640, ou o que é o mesmo, practicamente tres cuartas partes (74,6 %), mentres que o 1,3 % restante corresponde a 128 empresas, 214 peñas e 32 mascotas.

Marathón superou a Pavillón como a bancada con maior número de socios, 8.903 por 7.751, e tamén a de maior porcentaxe de ocupación, cun 98,2 %, por diante dos 91,7 % de Pavillón. Marathón Superior superou a Marathón Inferior como o sector con maior cantidade de abonados, con 4.826 socios, pero a maior porcentaxe de ocupación manteno o fondo inferior cun 98,9 %.

En canto á idade dos abonados, mantense o cambio de tendencia experimentado o curso anterior, pois os adolescentes seguen por diante dos de trinta e corenta anos. As 6 idades con maior número de socios son dos 12 aos 17 anos, sendo a maior os 15 anos, con 639, por diante dos 16 (626), 14 (598), 13 (597), 12 (577) e 17 (553). A sétima posición é para os de 42 anos, con 545 abonados.

A explosión do deportivismo entre a mocidade cobra aínda máis valor cun dato: os menores de idade suman case 7.000 abonados (6.967), ou o que é o mesmo, un 24 % da masa social branquiazul, practicamente a cuarta parte.

A antigüidade das persoas socias tamén deixa datos impactantes, como o feito de que 9.685 persoas (33,4 %) superen os 10 anos consecutivos como abonados e que 4.085 (14,1 %) leven máis dun cuarto de século de apoio continuo e incondicional ao Club.