A fin de semana en ANOSACANTEIRA ten o partido destacado do Fabril, que o domingo 19 de xaneiro recibe en Abegondo ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) ao Real Valladolid Promesas.
Os fabrilistas chegan coa derrota pola mínima da pasada fin de semana en Ávila, nun encontro no que mereceron moito máis.
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.
As socias e socios do RC Deportivo teñen prioridade para a retirada da súa entrada gratuíta até este mércores 15 de xaneiro ás 23:59 h.
A partir dese momento, se houbese localidades aínda dispoñibles, habilitarase simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
Antes do partido de Segunda Federación, o sábado 18 xogan os dous equipos cadetes e os dous infantís.
O Cadete visita á SD Compostela (18:00 en Santa Isabel) e o San Tirso SD Cadete recibe ao CD Areosa (12:30 no Monte); mentres que o Infantil mídese na Grela 1 ao Victoria CF (20:00) e o San Tirso SD Infantil en Pontevedra ao AJ Lérez (18:00).
Ademais do Fabril, completan a xornada dominical o partido do Xuvenil A ante a RS Gimnástica de Torrelavega (12:00 no Municipal de Santa Ana). Os branquiazuis retoman a liga após superar os dezaseisavos de final da Copa del Rey a pasada fin de semana ante o Sporting de Gijón. O Athletic Club será o rival en oitavos de final o mércores 29 de xaneiro ás 17:30 en Lezama.
A outra gran cita do domingo é na Liga Nacional. O Xuvenil B, 2º clasificado, visita ao líder, o RC Celta B. Dous puntos é a distancia na táboa entre os dous equipos. O choque está fixado para as 11:00 no campo 2 da Madroa.
Finalmente, dous partidos de fútbol 8 disputáronse onte martes na Cidade Deportiva correspondentes á xornada da fin de semana.
Así, o Alevín A e o Benxamín A impuxéronse ao Fabril FC Alevín (2-7) e Fabril FC Benxamín (0-8) respectivamente para consolidar así o liderado no grupo 1º da Primera A Coruña de fútbol 8.
O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:
Segunda Federación
19ª xornada: FABRIL - REAL VALLADOLID PROMESAS, o domingo 19 de xaneiro ás 12:00 en Abegondo
Clasificación: ... 4. Real Valladolid Promesas, UP Langreo, Salamanca CF UDS e Real Avilés Industrial, 27 puntos; 8. Fabril, 26 puntos; 9. Rayo Cantabria e Marino de Luanco, 25 puntos...
Categoría xuvenil
17ª xornada: RS GIMNÁSTICA DE TORRELAVEGA - XUVENIL A, o domingo 19 de xaneiro ás 12:00 no Municipal de Santa Ana (Torrelavega)
Clasificación da División de Honra: 1. RC Celta, 42 puntos; 2. Xuvenil A, 40 puntos; 3. Sporting de Gijón, 33 puntos... 13. RS Gimnástica de Torrelavega, 15 puntos...
17ª xornada: RC CELTA B - XUVENIL B, o domingo 19 de xaneiro ás 11:00 na Madroa (campo 2)
Clasificación da Liga Nacional: 1. RC Celta B, 42 puntos; 2. Xuvenil B, 40 puntos; 3. Pabellón Ourense CF, 35 puntos...
Categoría cadete
17ª xornada: SD COMPOSTELA - CADETE, o sábado 18 de xaneiro ás 18:00 en Santa Isabel
17ª xornada: SAN TIRSO SD CADETE - CD AREOSA, o sábado 18 de xaneiro ás 12:30 no Monte
Clasificación da División de Honra: 1. RC Celta, 48 puntos; 2. Cadete, 45 puntos; 3. ED Val Miñor Nigrán e Arosa SC, 32 puntos; 5. SD Compostela, 30 puntos; 6. San Tirso SD Cadete e Pabellón Ourense CF, 27 puntos; 8. CD Areosa, 25 puntos...
Categoría infantil
15ª xornada: VICTORIA CF - INFANTIL, o sábado 18 de xaneiro ás 20:00 na Grela 1
15ª xornada: AJ LÉREZ - SAN TIRSO SD INFANTIL, o sábado 18 de xaneiro ás 18:00 no campo Manolo Barreiro 1
Clasificación da División de Honra: 1. Infantil, 42 puntos; 2. RC Celta, 39 puntos... 6. San Tirso SD Infantil, 24 puntos; 7. AJ Lérez, 22 puntos... 13. Victoria CF, 11 puntos...
Categoría alevín
11ª xornada (martes 14): FABRIL FC ALEVÍN 2 (Mateo Songo'o e Enzo Fernández) - ALEVÍN A 7 (Nico Rodríguez-Ponce -2-, Thiago López -2-, Mateo Cortizas e Lucas Albor)
Clasificación da Primera A Coruña de fútbol 8: 1. Alevín A (un partido máis), 30 puntos; 2. Ural Español CF, 24 puntos... 5. Fabril FC Alevín (un partido máis), 14 puntos...
Categoría benxamín
11ª xornada (martes 14): FABRIL FC BENXAMÍN 0 - BENXAMÍN A 8 (César Leira -3-, Nico Castro -2-, Pablo Galbán, Pablo Gómez e Joel Losada)
Clasificación da Primera A Coruña de fútbol 8: 1. Benxamín A (un partido máis), 33 puntos; 2. Fabril FC Benxamín (un partido máis), 27 puntos; 3. Ural Español CF (dous partidos menos), 21 puntos...