Isi Gómez ultima a súa posta a punto ao comezar esta mañá a facer tarefas co grupo
Isi Gómez ultima a súa posta a punto e esta mañá realizou a primeira parte do adestramento co grupo. A continuación, o mediocentro madrileño seguiu co seu plan personalizado supervisado polo readaptador, Álex Canosa.
Con 11 días por diante para o seguinte partido, o domingo 8 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, InSports.tv e TVG-2) ante o Unionistas de Salamanca CF, os Servizos Médicos que dirixe o doutor Carlos Lariño agardarán agora á súa evolución nos próximos días para comprobar que Isi estea listo xa para competir nesta primeira cita ligueira do ano 2023.
O traballo con balón foi o protagonista esta mañá na sesión de adestramento diaria de #OSNOSOS.
Así, Óscar Cano dispuxo nesta tépeda pero nubrada mañá un quecemento con roda de pases, rondos, unha tarefa táctica ataque-defensa con 3 porterías e, para concluír, un partido.
Ante os medios de comunicación, Max Svensson coincidiu esta mañá co afirmado onte por Roberto Olabe e insistiu en que "a volta está a ir moi ben. Estamos con moitas ganas e preparados para o que veña".
O mediocentro fabrilista Brais Val foi o representante de #ANOSACANTEIRA, como vén sendo habitual nestes días.
Mañá venres 30, o Dépor adestrarase de novo en Abegondo a partir das 10:30 horas.