RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA busca mañá sábado na súa visita ao CD Juan Grande acabar 2022 á fronte de Primera Federación FutFem

O Dépor ABANCA pechará o ano 2022 en Primera Federación FutFem cunha longa viaxe de case 5.000 quilómetros, entre ida e volta, para visitar mañá sábado 17 de decembro ás 18:00 (hora local, 19:00 na Península) en San Bartolomé de Tirajana (Gran Canaria) ao CD Juan Grande Ginelux, correspondente á 13ª xornada.

Co triunfo do pasado sábado en Abegondo ante o Córdoba CF (3-1), #ASNOSAS chegan a este último encontro do ano líderes da categoría con 24 puntos, os mesmos que o 2º clasificado, o CDF Osasuna Femenino, que ten peor diferencia de goles. O reto que expuxo Irene Ferreras ás súas xogadoras é chegar a 2023 á fronte da categoría.

Son baixa para o partido por lesión Samara; Laura Fernández, cunha contusión nunha coxa; e Sara Navarro, afectada dunhas molestias nos isquiotibiais. Paula Monteagudo será a representante de #ANOSACANTEIRA na lista de 18 convocadas.

Esta semana, o Dépor ABANCA realizou tres sesións de adestramento no campo do Monte (San Tirso de Mabegondo), de céspede artificial como o escenario do partido, o Municipal Castillo del Romeral.

En rolda de prensa onte xoves, Irene Ferreras explica que se debe precisamente "á superficie de xogo. É unha situación que nos custou un pouco máis adaptarnos. Estamos moi afeitas xogar en céspede natural, sentímonos cómodas aí. Igual que preparando certos adestramentos con certas tarefas pensando no rival, tamén hai que tentar contextualizar o máximo posible as condicións do partido".

Ademais da superficie do campo, lembra que "non temos a #ANOSAFORZA, é unha viaxe moi longa, a hora do partido non é a habitual... Son condicionantes aos que o equipo ten que responder, dar un paso adiante e adquirir esa fiabilidade fóra de casa que temos que lograr. Temos un obxectivo moi bonito, ambicioso, que é o de terminar o mellor posible esta fase até Nadal".

Pola súa banda, o CD Juan Grande Ginelux perdeu en Lezama ante o Athletic Club B (3-1) na última xornada. As grancanarias son pechacancelas con 6 puntos e tan só 1 partido gañado.

No seu campo, o conxunto insular gañou ao SE AEM (2-0); empatou co Real Oviedo (1-1); e caeu co Córdoba CF (0-3), Granada CF (1-2), Cacereño Femenino (0-1) e CDF Osasuna Femenino (1-2).

No entanto, no seu haber está o frear como visitante ao SD Eibar na 1ª xornada (0-0) e ao RCD Espanyol na 3ª, tamén con 0-0.

O Dépor emprende viaxe despois do adestramento desta mañá, con esta folla de ruta:

Venres 16 de decembro

9:30: Adestramento no Monte (San Tirso de Mabegondo)
13:35: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino ao Aeroporto de Madrid - Adolfo Suárez
15:45: Saída do voo do Aeroporto de Madrid - Adolfo Suárez ao Aeroporto de Gran Canaria
17:45 (hora local, 18:45 na península): Chegada ao Aeroporto de Gran Canaria e traslado ao hotel Elba Vecindario Aeropuerto Bussiness & Convention

Sábado 17 de decembro
18:00 (hora local, 19:00 na Península): CD Juan Grande Ginelux - Deportivo ABANCA, no Estadio Municipal Castillo del Romeral

Domingo 18 de decembro
9:30 (hora local): Saída do voo do Aeroporto de Gran Canaria con destino Santiago
13:20 (horario aproximado): Chegada a Galicia

Finalizado o encontro, o Deportivo ABANCA adestrarase de novo o luns 19 de decembro ás 10:00 en Abegondo.