RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor rende visita a un novo CF Rayo Majadahonda

O Dépor, en postos de play off de ascenso ao iniciarse esta 7ª xornada no grupo 1º de Primera Federación, visita a un novo CF Rayo Majadahonda mañá domingo 9 ás 18:00 (InSports.tv) no Cerro del Espino.

O equipo de Borja Jiménez, con 11 puntos, está xa no grupo de cabeza mentres que o CF Rayo Majadahonda, que a temporada pasada meteuse no play off de ascenso a Segunda División, cambiou esta semana de Director Deportivo ao fichar a Nestor Susaeta e relevou no banco a Diego Nogueiras polo ex deportivista Alfredo Santaelena, a campaña anterior no DUX Internacional de Madrid.

Onte, en rolda de prensa, Borja Jiménez admitía que "non sabemos moi ben o que nos podemos atopar porque ao haber un cambio de adestrador a incerteza é maior".

Iso si, o técnico deportivista subliña que "temos claro o que queremos facer. A partir de aí o rival levarache a unhas cousas ou a outras, e aí é onde teremos que adaptarnos dentro do que sexa a nosa idea do que queremos no partido".

Despois de enfrontarse a Alfredo Santaelena a pasada campaña, Borja Jiménez apunta que "coñecemos ben ao míster, o que son os seus equipos habitualmente. Intuímos que a tendencia do xogo irá por aí, pero é todo diferente. Non hai continuidade do que viñan facendo".

No Dépor pérdense o choque por problemas físicos Trilli; Isi Gómez; Ian Mackay, que após atoparse onte indisposto tivo esta mañá adestramento personalizado no ximnasio da Cidade Deportiva; e Jaime, que se retirou ao vestiario antes que os seus compañeiros a consecuencia dunha molestia nun aductor.

O CF Rayo Majadahonda chega ao partido con urxencias. É penúltimo na táboa con 1 punto e no seu campo del Cerro del Espino caeu esta campaña ante o Racing de Ferrol (0-1) e AD Ceuta FC (1-2) e igualou co CD Badaxoz (2-2).

O conxunto madrileño alentou estes días nas súas redes sociais á súa afección a apoiar ao equipo neste mal comezo de temporada co lema de "¡Rayistas! Este domingo necesitámosvos".

Para #ANOSAFORZA, ademáis dun cupo de entrantras pactado entre diferentes clubes a 15 euros e esgotadas en poucas horas, e demais afeccionados, o CF Rayo Majadahonda fixou as entradas para o partido en 25 euros (Tribuna) e 20 euros (Xeral).

O cadro branquiazul realizou esta mañá un último adestramento en Abegondo, cun quecemento con xogos, fútbol reducido, un último repaso ao plan de partido e unha tarefa de finalizacións.

Acto seguido, os convocados emprenderon viaxe en autocar a Alcorcón, cuartel xeral do Dépor á espera do partido en Majadahonda.

Após o encontro, o cadro volverase a adestrar en Abegondo o luns 10 de outubro ás 11:30 horas.