RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O RC Deportivo, pendente dun novo horario para o Mérida-Dépor

A RFEF comunicou o pasado xoves ao RC Deportivo que o partido Mérida-Deportivo, fixado inicialmente para o sábado 10 ás 21:30 h., correspondente á 3ª xornada de Primera Federación, deberá cambiar de horario por motivos de seguridade ao coincidir con outro evento multitudinario (un concerto) na cidade estremeña.

Informado deste extremo, e a petición da propia RFEF, o RC Deportivo solicitou formalmente o mesmo xoves á Federación (que consultou ao Club cando sería máis oportuno disputalo atendendo á planificación da longa viaxe que deberá realizar e que xa organizara o Deportivo) que o partido se dispute o domingo día 11 ás 11:30 h. atendendo a varias consideracións obxectivas:

- As condicións climatolóxicas e a protección da saúde dos futbolistas, con temperaturas máis baixas pola mañá que a media tarde.

- A loxística da viaxe, ao ter que pasar en calquera caso a noite da véspera do partido en Mérida, evitando así case 24 horas de hotel ao equipo, co sobrecusto que supón non abandonalo ao mediodía, ademais de poder regresar de día após o partido e non viaxando toda unha madrugada, prexudicando de novo o descanso dos deportistas.

O RC Deportivo espera que estas razóns obxectivas sexan atendidas pola RFEF e entendidas pola AD Mérida, esperando que non se demore máis días a resposta, para poder organizar canto antes, do mellor modo posible, tanto o traballo de preparación do encontro como a viaxe e toda a loxística dun partido da máxima competición organizada pola RFEF.