RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAFORZA

O RC Deportivo programa actuacións musicais na Fan Zone para a previa do partido deste domingo

O RC Deportivo abrirá a súa Fan Zone na explanada xunto ao estadio ABANCA-RIAZOR desde as 13.00 horas deste domingo para amenizar a previa do partido Dépor-Barça Atlètic e dar cabida a todo o deportivismo. No escenario da Fan Zone haberá actuacións musicais con DJ Marcos desde a apertura ata as 15.00h, cando terá lugar a actuación de Jesús Suárez con Debarrio. A partir das 16.00 horas daralle o relevo DJ Sonic durante unha hora. Xa ás 17.00h será o turno do grupo The Muppets. Haberá máis música en diferentes momentos para seguir animando antes e durante a celebración do encontro.

O club instalou esta zona especial para o deportivismo coa fin de que toda a afición que se congregará en masa nos arredores do estadio viva a previa dun xeito diferente. Ademais, a Fan Zone conta cunha pantalla xigante para que todas as persoas que quedaron sen entrada para acceder ao estadio poidan ver o partido xunto a ABANCA-RIAZOR. Tamén hai varias barras e unha tenda de merchandising do Dépor, nun espazo para o que o RC Deportivo agradece o imprescindible apoio de ABANCA, máximo accionista do club, e de Estrella Galicia, patrocinadores principais e apoios fundamentais para o Dépor en todas as súas accións.

O obxectivo desta Fan Zone é corresponder a unha afección de primeira que representa o maior valor que ten o club. O RC Deportivo agradece tamén ao Concello da Coruña a colaboración na cesión do espazo e nos trámites para poder levar a cabo esta iniciativa.