O Xuvenil A certifica o primeiro posto final e a clasificación para a Copa de Campións
Galardón para o buque insignia de #ANOSACANTEIRA. Ao Xuvenil A, con dous puntos de vantaxe sobre o RC Celta no grupo 1C da División de Honra, valíalle hoxe domingo un empate ante o Real Racing Club en Abegondo para ser matematicamente campión do grupo 1º e selar o seu pase para a Copa de Campións.
Óscar Gilsanz, técnico deportivista, puido contar ademais cos 'reforzos' de Brais, Guille Bueno e Yeremay, que boa parte da temporada estiveron no Fabril ás ordes de Juan Carlos Valerón.
Cunha nutrida representación de #ANOSAFORZA nas bancadas da Cidade Deportiva, o Xuvenil A non fallou (2-0) e culminou unha temporada perfecta a pesar dos contratempos motivados pola pandemia de COVID-19.
O éxito deportivo, logrado a base de acerto no terreo de xogo e culminado con oficio nesta penúltima xornada ligueira ante un rival tamén da zona alta, deixa ademais un panorama alentador.
Mella, titular este mediodía na máxima categoría xuvenil, é un futbolista cadete que acaba de regresar duns adestramentos coa selección española sub-16.
E a maiores, Brais, Trilli, Guille Bueno, Dani Barcia, Jairo, Nájera, Padín e Yeremay xa saben o que é ser convocado e ter minutos co Fabril en Terceira División; e mesmo participar en adestramentos e convocatorias no primeiro equipo.
Xuvenil A: Brais, Trilli, Guille, Fito, Dani Barcia, Brais Val, Víctor, Jairo, Noel, Nájera e Mella. Tamén xogaron: Mario, Yeremay, Do Carmo, Padín e Raúl.
Xa sen nada en xogo, o Xuvenil A pechará esta segunda fase a próxima fin de semana en Xixón ante o Sporting.
Os resultados do Xuvenil A en esta segunda parte da temporada son os seguintes:
CD Marina Sport 2 - Xuvenil A 2 (Noel -2-) Xuvenil A 6 (Nájera -3-, Quique Teijo, Mella e Noel) - Club Bansander 0 Atlético Perines 1 - Xuvenil A 1 (Noel) Xuvenil A 2 (Noel e Yeremay) - Real Racing Club 0