RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

RC Deportivo e Grupo Wakatake amplían a súa alianza de impulso do fútbol base xaponés

O acordo de colaboración internacional entre o RC Deportivo e Wakatake Group dá un paso adiante co comezo desta nova temporada após a primeira experiencia trimestral do pasado curso. A colaboración, cuxo obxectivo é potenciar o desenvolvemento de novos futbolistas xaponeses, utilizando como referencia a metodoloxía da Canteira do Dépor, pasa a converterse en experiencia de curso escolar completo para os participantes.

Se a pasada temporada foron tres os xóvenes futbolistas que gozaron da actividade, este ano amplíase a catro, aínda que un deles, o porteiro Kaito Sakai (2010), repite após a súa vivencia coruñesa a principios deste 2022. Xunto a el cursarán os seus estudos na Coruña, vivirán na Residencia do Club, adestrarán e competirán Towa Suzuki (2007), So Takata (2011) e Seita Aihara (2012).

Todos terán a oportunidade desde este mes de coñecer de primeira man a metodoloxía da canteira en Abegondo, combinando adestramentos individuais con adestramentos colectivos cos xogadores do Club durante todo o curso. Unha experiencia inmersiva que vai máis aló do fútbol, xa que tamén terán a oportunidade de descubrir o idioma, a cultura galega e sentirse parte dun equipo coa nosa historia e afección.

O acordo global bidireccional que inclúe diferentes áreas de colaboración no marco do desenvolvemento do fútbol base escenificouse no Estadio ABANCA-RIAZOR cos 4 futbolistas, xunto a Miguel Muñoz, representante de Wakatake Group.

Wakatake Group é unha empresa xaponesa coa misión de contribuír ao desenvolvemento dos novos futbolistas na súa transición de nenos a adultos. Wakatake Group leva máis de 15 anos traballando en multitude de programas de desenvolvemento do fútbol xuvenil, con presenza en Europa, África, Asia e América. Estas experiencias internacionais contribúen ao crecemento do xogador e da persoa, tanto dentro como fose do terreo de xogo. Wakatake Group traballa seguindo unha fórmula probada: experiencias internacionais, educación holística e responsabilidade social. Máis de 1.000 mozos participan nos programas que ofrece Wakatake Group: torneos internacionais, experiencias de alto rendemento con academias de clubs profesionais, programas residenciais individuais, programas de cooperación internacional, formación de adestradores e moitos máis.