O Deportivo ABANCA volveu exhibir unha fe inquebrantable nas súas posibilidades e estreouse en Abegondo nesta liga con vitoria (2-1) esta mañá ante o Atlético de Madrid B con outro gol no minuto 90; e, do mesmo xeito que en Barcelona na 1ª xornada, con protagonismo para unha central, hoxe Inés Altamira.
O encontro puxo fin a unha dura semana con longos desprazamentos a Barcelona (liga) e Palma (primeira rolda de Copa). De feito, en rolda de prensa post partido, Irene Ferreras admitiu que esta circunstancia "foi un condicionante. Non queriamos falar diso porque elas (polo filial colchoneiro) viñan de facer unha semana normal, de poder preparar ben o partido. Nós, máis aló da fatiga física que existe, puidemos rotar e ter ás xogadoras medianamente frescas en canto a pernas".
As Nosas presentábanse ante #ANOSAFORZA por primeira vez nesta liga co resaibo amargo da derrota na primeira eliminatoria da Copa de la Reina (1-0) do pasado mércores ante o Balears FC, aínda que coa satisfacción do debut oficial dunha nova canteirá, Carmen Carballada.
A pesar do tropezo copeiro, na competición ligueira o comezo do Dépor ABANCA fora esperanzador con vitoria (1-2) en Barcelona ante a CE Europa, iso si con dous goles nos últimos 10 minutos.
Ante o Atlético de Madrid B, a primeira ocasión clara foi para Ainhoa Marín, quen após recortar na área ao seu par disparou alto. A atacante deportivista, que aos poucos vai atopándose a se mesma despois da súa lesión de xeonllo, estaba algo escorada e non puido precisar o seu remate.
Millene, protagonista da pretemporada ao ser a máxima anotadora branquiazul, abriu o marcador no minuto 24. A xogada naceu en Inés Altamira, decisiva logo no tramo final do partido. A central branquiazul saca o balón xogado desde atrás e mete un pase en profundidade que Paula Gutiérrez toca con clase para o desmarque de Millene, que no man a man bate perfectamente á porteira Alba de Isidro.
Eran mellores As Nosas no xogo e o marcador facía xustiza ao visto sobre o céspede do campo principal de Abegondo.
Millene puido lograr o segundo ao roubarlle o balón á central Yolanda Sierra pero non consegue bater á meta rival, posto que o seu disparo foi demasiado frouxo.
Con este resultado chegouse ao descanso.
Na segunda metade saíu mellor o Atlético de Madrid B, disposto a polo menos igualar a contenda.
Practicamente após o asubío do árbitro, e á saída dun córner, o balón cae a Sara García na frontal da área pequena pero o seu disparo de socato desvíao case na liña de gol Ayaka.
Na xogada seguinte, o filial colchoneiro logra a igualada (min. 48). María de los Reyes, a dianteira branquivermella, recibe de costas dentro da área e deixa de cara para que Dana Benítez, que chegaba desde segunda liña, supere por baixo a Lucía.
Ao Dépor ABANCA custoulle rumiar este gol pero aos poucos foi collendo as rendas do partido até desembocar nun asedio final que acabou con premio.
Laurina tivo nas súas botas o gol pero o seu chute na área repeleuno Alba nunha boa parada.
As ocasións na área do Atlético comezáronse a suceder. Millene, libre de marca e con todo a favor, non precisa un bo centro por banda dereita de Ainhoa Marín.
ADT tampouco dirixe ben a súa cabezada esta vez grazas a un bo centro desde a esquerda. O balón rozou o pau dereito da portería atlética.
Irene Ferreras introduciu cambios. Un deles foi o de Elena Vázquez, a futbolista cadete que xoga de central pero que asumiu o mando no balón parado grazas ao seu bo trato de balón. "Dános moito. É un cambio dunha central que a estamos introducindo en segundas partes e case sempre cun obxectivo máis ofensivo que defensivo. Ter unha futbolista que desde o perfil zurdo que poida pór esas diagonais, póidache meter ese balón en profundidade fainos ser un equipo menos predicible. Cóbrenos unha carencia que tiñamos importante e no balón parado permítenos ter perigo en cada acción e o equipo sente. Os balóns van con música e hai veces que hai que tocalo e estar acertado para que vaia cara adentro. É unha arma máis do equipo", comentou en rolda de prensa post-partido a adestradora deportivista.
Dun centro á área ao saque dunha falta de Elena Vázquez chegou un remate de Henar que sacou de socato a porteira visitante; e posteriormente o seu rexeite cabecéao Inés en boca de gol lixeiramente alto.
Dun saque de esquina tamén botado pola nova defensora carballesa veu un remate ao pau de cabeza de Raquel.
Ainhoa Marín recolleu pouco despois un balón solto na frontal da área nunha saída en falso de Alba de Isidro e o seu remate sácao debaixo da portería unha defensora colchoneira.
O gol barruntábase en Abegondo e chegou no minuto 90. Marta Charle recibe en banda esquerda de Raquel, xa sumada ao ataque como unha atacante máis, e o seu centro raso remátalle soa e en boca de gol Inés Altamira, co que terminou o partido.
Triunfo xusto do Deportivo ABANCA que, aínda sufrindo, é capaz de sacar adiante os partidos.
Deportivo ABANCA: Lucía, Cris (Elena Vázquez, min. 78), Inés Altamira, Raquel García, Samara, Ayaka (ADT, min. 60), Henar, Laurina (Charle, min. 74), Paula Gutiérrez, Ainhoa e Millene (Eva Dios, min. 74).
Atlético de Madrid B: Alba de Isidro, Yolanda Sierra, Luara Tanarro, Jennifer López, Victoria Chica, Sara García (Emma Moreno, min. 80), Nerea Sánchez (Alba Dargel, min. 58), Dana Benítez, Andrea Recio (Sara Martínez, min. 80), Cristina Rincón (Alba Zagra, min. 70) e María de los Reyes (Laura Rodríguez, min. 58)
Goles: 1-0 Millene (min. 24); 1-1 Dana Benítez (min. 48); 2-1 Inés Altamira (min. 90)
Árbitro: Cecilia Muñoz di Giovambattista, do colexio catalán. Amoestou ao segundo adestrador do Dépor ABANCA, Enrique Machado (min. 90).
Incidencias: Partido correspondente á 2ª xornada de liga en Primera Federación Iberdrola disputado en Abegondo