RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

Elena Vázquez clasifícase coa selección española sub-17 á seguinte rolda de clasificación para o Campionato de Europa

Elena Vázquez, xogadora do Deportivo ABANCA B que está en dinámica do primeiro equipo, estivo concentrada estes días coa selección española sub-17 na Rolda 1 de Clasificación do Campionato de Europa que se celebrou en Portugal.

Hoxe martes, a canteirá branquiazul xogouse o liderado do grupo na 3ª e última xornada ante a anfitrioa Portugal. Ambos os equipos chegaban a esta cita empatados a 6 puntos aínda que por diante as españolas por mellor diferencia de goles: +10 fronte a +4 das lusas.

Gañou con claridade España (0-4), que accedeu á seguinte fase de clasificación como líder do grupo con 9 puntos de 9 posibles.

Elena Vázquez arrincou o decisivo encontro no banco, quentou na banda uns minutos no transcurso do partido, pero finalmente non saltou ao terreo de xogo.

No segundo partido do grupo o pasado sábado, a xogadora branquiazul tamén seguiu desde o banco o triunfo (4-1) ante a República Checa.

A futbolista carballesa si foi titular na clara vitoria (8-1) ante Bosnia Herzegovina na primeira xornada. Disputou a primeira parte, que acabou con 4-0 no marcador e co partido sentenciado.

Os resultados da selección española sub-17 nesta Rolda 1 de Clasificación para o Campionato de Europa foron os seguintes:

Mércores 25 de outubro
ESPAÑA 8 - BOSNIA HERZEGOVINA 1

Sábado 28 de outubro
ESPAÑA 4 - REPÚBLICA CHECA 1

Martes 31 de outubro
PORTUGAL 0 - ESPAÑA 4

Elena xa participara esta temporada nas dúas concentracións previas deste combinado nacional, unha delas acompañada pola tamén deportivista Lucía Rivas.

Con 16 anos recentemente cumpridos, xa foi titular esta temporada dous partidos coas Nosas en Primera Federación Iberdrola e alcanzou o subcampeonato continental coa selección española sub-17 o pasado mes de maio en Estonia. 

A defensa coruñesa renovou o seu compromiso co Deportivo ABANCA neste último verán.