O Dépor ABANCA enfróntase mañá domingo 22 de decembro (12:00, YouTube RFEF) á Real Sociedad nos oitavos de final da Copa de la Reina.
Con este partido, As Nosas, que chegan ao encontro co impulso anímico do triunfo ligueiro (0-2) do pasado mércores ante a Valencia CF Féminas, no partido aprazado no seu día pola catástrofe da DANA, concluirán o ano 2024.
Fran Alonso cre que esa vitoria era "moi necesaria. Reforza que estabamos nunha boa dinámica, que o equipo estaba a mellorar en moitos aspectos. Era unha final. O rival viña dun partido moi bo ante o FC Barcelona. Sabiamos da dificultade, aínda encima fóra de ABANCA-RIAZOR. Soubemos competilo moi ben, dominamos as dúas áreas e ao final unha vitoria moi importante xusto antes do parón de Nadal".
Iso si, advirte que "queda moito traballo por facer, estamos lonxe de ser o equipo que queremos ser. Estamos a traballar ben e nótase a melloría".
Nesta edición copeira, o Dépor ABANCA eliminou ao Atlético Villalonga FF (0-1), Sporting de Gijón (0-6) e Real Betis Féminas (3-0).
"É unha competición que nos fai moitísima ilusión. Dá a oportunidade tamén de rotar, de ver a máis xogadoras que non tivemos a oportunidade de ver aínda. Temos unha desvantaxe porque xogamos dous partidos moi intensos. O contrario ten unha semana longa, con moito tempo para preparar. Sabemos a dificultade pero temos a ilusión en Abegondo de competir e de tentar pasar", indicou o preparador deportivista.
Pola súa banda, a Real Sociedad, que debuta na competición, marcha en liga na 4ª posición con 23 puntos.
Deportivistas e realistas xa se viron as caras en liga o pasado 10 de novembro en ABANCA-RIAZOR. Venceron as vascas (0-1) cun gol de Raquel en propia meta ao comezo do choque.
O técnico do cadro donostiarra, José Luis Sánchez Vera, concede á Copa "unha importancia máxima. Estás a 4 partidos de poder gañar un título. Nunha liga tes que gañar 30. É unha competición rápida, que por historia, por tradición, a Real fixo as cousas moi ben xogando unas cantas finais".
Definiu ao Dépor ABANCA como "un equipo sólido, que acumula moitas futbolistas por detrás, e que sabe que cando chega ao terzo contrario ten futbolistas para gañarche partidos como Millene, Bárbara ou Ainhoa Marín. O outro día fixeron un partido moi serio en Valencia e contra o Real Madrid CF en ABANCA-RIAZOR gañaban 1-0 no minuto 81".
Finalizado o encontro, As Nosas comezan as súas vacacións de Nadal.