RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA despídese da Copa ao primeiro de vez (1-0)

O Deportivo ABANCA dixo adeus á Copa de la Reina ao primeiro de vez, ao caer pola mínima na primeira eliminatoria, a partido único, en campo dun Balears FC ao que foi netamente superior.

Irene Ferreras apostou por rotar ás súas xogadoras e realizou nove cambios con respecto ao once inicial presentado na matinal do pasado domingo no Nou Sardenya barcelonés, no arranque ligueiro fronte ao CE Europa. Soamente Inés Altamira e Henar repetiron no equipo titular.

O equilibrio de forzas reinou no primeiro terzo de partido. Non foi pasada a media hora de encontro ata que o Dépor ABANCA comezou a chegar con maior perigo. No minuto 36, Lía avisou cun disparo afastado que atrapou Blanca. Só uns segundos despois, a propia Lía lanzou a Ana de Teresa, que dispuxo dunha dobre ocasión man a man coa porteira local, que rexeitou Blanca en ambas as ocasións. Carlota estivo preto de levar o balón ao fondo das mallas no minuto 41 pero o seu dereitazo buscando o recanto foise fóra por pouco.

Con todo, foi o Balears FC o que se adiantou no marcador. Ao fío do descanso, Karla remachou co seu pé dereito desde o punto de penalti un córner lanzado por baixo desde a dereita do ataque local.

O Dépor ABANCA cedeu un pouco de terreo nos primeiros minutos da segunda parte, pero volveu tomar o mando á hora de xogo, despois dun triplo cambio introducido por Irene Ferreras e, sobre todo, após sumar dúas substitucións máis con vinte minutos por diante. A frescura achegada por Samara, Ayaka, Carmen, Raquel García e Laurina volveu desnivelar a balanza cara ao lado coruñés.

Eva Dios disparou desde fóra da área moi preto do pau esquerdo no minuto 66, pero quen máis preto estivo do gol foi Carlota, que se topou co traveseiro no minuto 75. Clara mandou un libre directo rozando o traveseiro no minuto 77 e a mesma sorte correu un disparo de Carmen no minuto 85.

Cando se cumpría o minuto 90, Mabel Okoye tivo a oportunidade de sentenciar a contenda despois dunha veloz internada pola dereita e un posterior dereitazo que se perdeu lambendo o traveseiro.

A última oportunidade, moi clara, tivérona as branquiazuis, hoxe totalmente de amarelo. Laurina enganchou un centro desde a dereita no punto de penalti pero Blanca atrapou o esférico nunha gran intervención.

A pesar da súa superioridade e o seu maior número de ocasións, o Dépor ABANCA caeu en Son Malferit e dixo adeus ao torneo do KO na primeira rolda.

Balears FC: Blanca, Andrea, Jani (Silvia Peñalver, min. 62), Paula Rojas, Andrea Ríos, Alicia Infante (Mabel Okoye, min. 72), Neus Perelló, Cora, Fátima Traversaro (Orozco, min. 86), Úrsula (Gabi, min. 72) e Karla (Sonia, min. 86).

Deportivo ABANCA: Lucía, Cris Martínez (Samara, min. 57), Inés Altamira (Raquel García, min. 70), Elena, Clara, Henar (Ayaka, min. 57), Eva Dios, Lía (Carmen, min. 57), Carlota, Charle e Ana de Teresa (Laurina, min. 70).

Gol: 1-0 Karla (min. 45).

Árbitra: Paula Porcuna Sánchez (c. madrileño). Cartón amarelo a Neus Perelló (min. 49), Samara (min. 70) e Orozco (min. 90+1). Tamén ao delegado deportivista César Conde (min. 74).

Incidencias: partido da 1ª eliminatoria da Copa de la Reina disputado no campo de Son Malferit.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK