RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA "con moi boa enerxía, con moi bo ambiente", pelexará mañá sábado ante o Athletic Club en ABANCA-RIAZOR por un triunfo "que nos ilusiona moito"

Non hai partido pequeno en Liga F para o Dépor ABANCA, que mañá sábado 28 de setembro recibe en ABANCA-RIAZOR ao Athletic Club a partir das 20:30 (Dazn). "É un dos rivais máis difíciles", advertiu en rolda de prensa onte venres Irene Ferreras.

Co empate da pasada fin de semana ante o Real Betis, tamén en ABANCA-RIAZOR, As Nosas son decimosegundas con 1 punto.

A adestradora deportivista asegura estar "moi satisfeita co traballo do equipo. Estamos a enlazar moi boas semanas de traballo, con moi boa enerxía, con moi bo ambiente".

Non oculta ante os medios que As Nosas pelexarán por un triunfo que "nos ilusiona moito, e para iso traballamos e pelexamos cada día. É verdade que tampouco nos obsesiona. Somos conscientes do momento no que estamos e de que temos que ver máis aló".

Iso si, ve ao grupo "con nada de ansiedade. Están moi centradas na tarefa, nas melloras individuais e colectivas".

Aínda que loxicamente desexa que ese primeiro triunfo "chegue cando antes, imos seguir traballando, transmitindo unha mensaxe de total tranquilidade e de total confianza no que estamos a facer e no rendemento e a capacidade que teñen as futbolistas".

É baixa por lesión Henar que "continúa o seu proceso de recuperación xa en campo e tocando balón; así que a esperamos cos brazos abertos", manifestou a preparadora deportivista.

Tampouco está na convocatoria Marina Artero, de acordo co seu contrato de cesión co Athletic Club.

O vestiario deportivista celebrou esta semana a participación de Elena Vázquez, en dinámica do primeiro equipo, en dous partidos amigables da selección española sub-17 preparatorios do Campionato do Mundo da categoría. Nesta concentración, a defensa branquiazul estivo acompañada pola canteirá Paula Redruello 'Redru'.

Elena, ademais de Carmen Carballada, entrou na lista de convocadas a pesar de non participar en ningún adestramento do equipo esta semana.

Dépor ABANCA e Athletic Club víronse as caras o pasado mes de agosto na XII edición do Trofeo Teresa Herrera, que caeu (2-1) ao lado deportivista.

Irene Ferreras advirte que nesa cita estival "demostramos poder competir contra elas. Espero tamén cousas similares e tamén cousas diferentes, porque estamos xa noutro punto despois de varios meses de traballo".

Pola súa banda, o Athletic Club, que a pasada fin de semana caeu (2-0) co Real Madrid CF, é 7º con 6 puntos.

Pero o que de verdade doeu ás leoas é a lesión de Bibiane Schulze, que na previa do partido ante as madrileñas sufriu unha grave lesión de xeonllo. "Foi a baixa máis traumática para nós", tal e como asegurou en rolda de prensa o seu adestrador, David Aznar.

Ademais serán baixa por lesión Itxaso e Oguiza, tal e como confirmou o preparador vasco.

Admite que "imos coa espiniña do Teresa Herrera que foi un trofeo que xogamos no verán e que fixemos méritos para facer máis nese partido. Encaixamos 2 goles en 2 situacións de perda innecesaria e que pagamos moi caro. E logo tivemos moita superioridade con balón onde non acabamos de facer dano. Son os dous aspectos onde temos que pór o foco a fin de semana".

Así pois, pide "estar moi atentas á situación de perda de balón e as transicións para que non nos castiguen; e logo tentar facerlles dano con balón".

No seu outro partido fóra de casa nesta temporada, as vascas venceron ao UD Levante (0-1).

Finalizado o choque, As Nosas adestraranse de novo o domingo 29 de setembro a partir das 11:00 na Cidade Deportiva.