RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Un Dépor "co mellor once posible" recibe mañá ao CD Castellón en ABANCA-RIAZOR no primeiro dos dous partidos desta semana

O Dépor recibe mañá xoves 19 de decembro ao CD Castellón (21:15, LaLiga Hypermotion) en partido correspondente á 20ª xornada, penúltima, da primeira volta de LaLiga Hypermotion.

Será o primeiro dos dous choques desta semana no estadio posto que o domingo 22 ás 21:00 chega o CD Mirandés na última cita do ano 2024.

Óscar Gilsanz asegurou en rolda de prensa que, ante dous partidos tan seguidos, "buscaremos mañá os xogadores que cremos mellor preparados para o partido; e despois valoraremos, o venres e o sábado, para que o domingo busquemos o mellor once posible. Haberá xogadores que poidan repetir, outros que se cadra creamos ou vexamos que están un pouco a menos nivel físico que outros que non xogasen. Non serán rotacións, senón buscar nos dous partidos o mellor once posible".

Os Nosos chegan á cita ante os castellonencos sen xogar o pasado domingo en Tenerife a consecuencia do temporal que azoutou á illa.

O técnico deportivista subliñou que "estabamos preparados para xogar. Ao final non houbo partido e modifícase un pouco a estrutura da semana en canto a adestramentos; pero non hai ningún outro cambio con respecto á planificación, á preparación. Tivemos as sesións que tiñamos previstas e non hai ningunha outra modificación".

O Dépor, con ese encontro menos, é 16º con 21 puntos.

Serán baixa para o encontro Dani Barcia, lesionado; e Lucas Pérez, que non puido cumprir o seu partido de sanción por acumulación de amoestacións no Heliodoro Rodríguez López o domingo pasado.

Ante os medios, o técnico deportivista advirte que "cada futbolista é diferente e achéganos unhas cousas. Os futbolistas nunca se substitúen por outro exactamente igual; co cal perderemos moitas cousas que nos dá Lucas no xogo e tentaremos que non se note no equipo".

De feito, está "completamente seguro que o xogador que ocupa esa posición vaino a facer perfectamente; e trataremos de dar un bo nivel e buscar un bo rendemento a nivel colectivo".

O Dépor realizou esta mañá unha última sesión de traballo en Abegondo cunha activación con roldo, un repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado.

Ambos os equipos víronse as caras ao final da temporada pasada como campións dos seus grupos no play off polo título de Primera Federación. Os deportivistas venceron nos choques de ABANCA-RIAZOR (2-1) e de Castalia (2-4).

Esta temporada, o CD Castellón, que a pasada fin de semana goleou (4-1) ao FC Cartagena, é 9º con 29 puntos.

Lonxe do seu estadio, os blanquinegros gañaron ao Burgos CF (0-2), UD Almería (2-5), CD Eldense (2-3) e Real Zaragoza (1-2); empataron co Córdoba CF (2-2), SD Huesca (1-1) e Albacete Balompié (0-0); e perderon coa SD Eibar (1-0) e Sporting de Gijón (2-1).

O seu técnico, Dick Schreuder, confirmou en rolda de prensa a baixa de Raúl pero o regreso de Jetro.

Espera "un partido totalmente diferente" ao da pasada temporada: "Imos alí con moita confianza pero é diferente porque cando xogamos alí o pasado ano o estadio non estaba todo vendido así que este partido será diferente. Haberá unha gran multitude pero é bo para a experiencia dos xogadores volver a un estadio así".

Finalizado o choque, Os Nosos adestraranse de novo en Abegondo o venres 20 a partir das 11:00 horas.