Un Dépor que "estivo a moi bo nivel", segundo subliñou Óscar Gilsanz na sala de prensa, arrincou a segunda volta de LaLiga Hypermotion cun empate (1-1) na Rosaleda ante o Málaga CF.
Este resultado deixa a Os Nosos en 17ª posición da clasificación con 25 puntos e un partido menos, o aprazado en Tenerife o pasado mes de decembro e que se xogará a finais deste mes.
Foron baixa para o partido Diego Villares, sancionado pola súa expulsión ante o CD Mirandés no partido do pasado 22 de decembro en ABANCA-RIAZOR; e Barbero e Escudero, con molestias físicas.
Sobre eles falou Óscar Gilsanz na sala de prensa: "Barbero tivo un golpe no xeonllo, inflamouse, tiña dor e era imposible recuperalo para hoxe. O caso de Escudero, un mal movemento no cóbado pola proximidade do partido fíxolle non estar dispoñible para hoxe".
Aínda que viaxou Lucas, o capitán tampouco xogou: "Viña cun proceso gripal. O xoves estaba peor, foi capaz de adestrar o venres pero hoxe pasou unha mala noite, estaba moi débil e non estaba en condicións de disputar o partido", declarou o adestrador deportivista.
Así pois, o corpo técnico optou por Obrador para o lateral zurdo, José Ángel para a sala de máquinas con Mfulu, Mario Soriano de enganche e Bouldini como referencia en ataque.
Pola súa banda, o Málaga CF do ex técnico fabrilista Sergio Pellicer, que no Molinón cumpriu 150 partidos no banco do cadro andaluz, presentábase ao encontro na 10ª posición da táboa con 27 puntos.
Tal e como anticipara o adestrador deportivista en rolda de prensa os malaguistas saíron en tromba, cunha presión alta á saída de balón branquiazul.
No entanto, o primeiro disparo do partido foi do Dépor. Nunha transición rápida levada por Mario Soriano o balón acaba en Yeremay, que fai o movemento de fóra a dentro que tanto realiza e xuta lixeiramente desviado á esquerda da meta de Herrero.
O cadro de Sergio Pellicer, con atacantes novos e moi dinámicos, tentaba entradas por velocidade por ambas as bandas.
Os Nosos golpearon de novo aos 19 minutos por mediación de Mella. O canteirán recibe un pase longo de Obrador ás costas da defensa local pero o seu disparo toca nun defensor e márchase fóra por pouco.
Estaba mellor o Dépor. De feito, Helton Leite apenas tivo que intervir nesta fase do partido.
A ocasión máis clara local foi un centro desde a dereita que se envenenó após tocar en Obrador e paseouse pola raia de gol da portería deportivista sen atopar rematador.
Mella puido adiantar ao Dépor ao recibir un gran pase de Mario Soriano. Fallou no un contra un contra o meta Herrero, con todo a favor.
Seguiu chegando o equipo de Óscar Gilsanz, con Mario Soriano lanzando continuamente aos atacantes polas dúas bandas pero a primeira parte acabou sen goles.
Comenzaronla segunda parte mandando Os Nosos. Yeremay, no 47, dispara fóra por pouco ao recoller un balón solto na área malacitana.
No entanto, un erro na saída de balón propiciou a mellor oportunidade do Málaga CF no que ía de partido. Lobete, con todo a favor, xuta moi alto diante de Helton Leite.
O partido era un ida e volta. No outro área, Mella dispara frouxo ás mans de Herrero após unha rápida transición propiciada por un roubo de balón de Bouldini.
Aos 58 minutos, un remate de Kevin Medina márchase lixeiramente desviado após tocar nun defensor deportivista.
Yeremay, que minutos antes protagonizou un caneo acrobático ante Gabilondo freado en falta aínda que non sinalada por Arcediano Monescillo, adiantou ao Dépor no minuto 66. Recibiu en profundidade e cruzou o balón lonxe do alcance de Herrero.
Pouco despois, o internacional canario encabeza outro contragolpe pero o seu disparo, frouxo, atállao abaixo Herrero.
Óscar Gilsanz comeza a refrescar ao equipo. Davo releva a Bouldini.
Precisamente Davo non controlou ben un balón que o deixaba só. O seu centro posterior foi ás mans do porteiro malagueño.
O Dépor optou por esperar atrás e saír á contra ante un Málaga CF descaradamente ao ataque. Yeremay e José Ángel pediron o cambio, como apuntou Óscar Gilsanz na sala de prensa. Gauto e Jaime foron os substitutos.
Así se chegaba á recta final do choque.
Cando máis controlado estaba o partido empatou Chupe no minuto 86 ao rematar na área pequena un centro lateral raso desde a banda esquerda.
A Rosaleda empuxou ao seus pero o Dépor foi capaz de manterse de pé para amarrar polo menos ese punto.
Málaga CF: Herrero, Gabilondo, Pastor, Kevin Medina (Rahmani, min. 69), Manu Molina (Ramón, min. 59), Dioni, Dani Sánchez (Chupe, min. 79), Luismi, Nelson Monte (Víctor, min. 79), Lobete (Aarón Ochoa, min. 59) e Antoñito
Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Obrador, Mfulu, Jose Ángel (Jaime, min. 79), Yeremay (Gauto, min. 79), Mella, Mario Soriano (Cristian Herrera, min. 90+1) e Bouldini (Davo, min. 73)
Árbitro: Arcediano Monescillo, do comité castelán-leonés. Amoestou a Gabilondo (min. 7), Mfulu (min. 23) e Kevin Medina (min. 38)
Goles: 0-1 Yeremay (min. 66); 1-1 Chupe (min. 86)
Incidencias: partido correspondente á 22ª xornada en LaLiga Hypermotion, primeira da segunda volta, disputado na Rosaleda ante 27.281 espectadores, incluídos uns 200 afeccionados deportivistas