Álvaro García Diéguez: Estamos aquí para volver facer do Dépor un club glorioso, querido, admirado e respectado en España e no mundo
Álvaro García Diéguez, novo Presidente do RC Deportivo, compareceu ante os medios de comunicación no céspede mesmo de ABANCA-RIAZOR acompañado polo seu Consello de Administración.
Estas foron as súas primeiras palabras á fronte do Club:
"Bos días. Moitas grazas por acompañarnos hoxe.
Acabamos de celebrar a Xunta Extraordinaria de accionistas na que se nomeou ao novo Consello do Real Club Deportivo, que eu teño a inmensa honra de presidir. Encabezar o Consello deste club é o soño de todo deportivista, e por tanto, tamén o meu soño.
Por iso, o meu agradecemento máis sincero a todos os accionistas que depositaron en min esta responsabilidade.
Se analizades a composición do Consello podedes intuír os criterios polos que foi seleccionado. Temos dous conselleiros que representan como poucos os valores que fixeron do Dépor uno dos clubs máis gloriosos e queridos do fútbol español.
Carlos Ballesta e Álex Bergantiños, desde dúas xeracións diferentes, levaron as cores e o escudo do noso Real Club Deportivo coa máxima entrega e exemplaridade, tanto dentro como fóra do terreo de xogo. Ambos son excelentes profesionais e mellores persoas.
Ao nomear a Carlos Ballesta non podo deixar de ter, na miña primeira comparecencia como presidente, un recordo especial ao que foi o seu compañeiro de vida e fatigas, Arsenio Iglesias, que nos deixou hai pouco, do mesmo xeito que o noso Balón de Ouro e coruñés exemplar, Luis Suárez. Vaia todo o meu agarimo e respecto a dúas figuras que sempre marcarán o noso camiño.
De Arsenio naceu o espírito do SuperDépor, e queremos que esa forma de entender a vida e o fútbol siga moi presente no club a través de Carlos Ballesta.
Álex Bergantiños representa tamén á perfección esa esencia do Dépor que queremos, por iso non vai ser un conselleiro máis: vai seguir levando o brazalete de capitán fóra do campo, no noso Consello.
Michelle Clemente Escotet achéganos a súa experiencia en Abegondo co Dépor ABANCA, e tamén no mundo do emprendimiento e a xestión empresarial. Con ela, o fútbol feminino ten por primeira vez representación directa no Consello de Administración do club, o que é unha mostra da importancia que queremos darlle.
Vicente Fernández é un experto en deportes de equipo e ten unha gran experiencia en actividade física, deporte e saúde. A súa achega será moi valiosa nesas áreas.
Finalmente, David Villasuso, desde a secretaría do Consello, é outro firme apoio polo seu coñecemento do club e das finanzas.
Son consciente de que o club viviu, da man do principal accionista, cambios significativos nas últimas semanas. Modificacións que afectaron ás estruturas corporativas e deportivas.
Si podo dicirvos que no pouco tempo que levamos aquí atopámonos cun equipo admirable. Desde a dirección xeral, con Massimo Benassi, até o cadro directivo deportivo, encabezado por Fernando Soriano e Juanjo Expósito. A entrega, formación e liderado dos tres son unha garantía para o proxecto que inicia o noso Club.
Porque con este Consello, o Deportivo inicia un novo proxecto co principal propósito de devolver ao Dépor á elite do fútbol español. Desde hoxe comezamos a elaborar o Plan Estratéxico 2023 – 2028. Nel imos deseñar unha estratexia que poña no centro do noso esforzo a todas as áreas que conforman este club: comezando polo primeiro equipo, pero tendo moi en conta ao Dépor ABANCA, ao Fabril e á canteira. Sen esquecer Abegondo, que consideramos pedra angular do proxecto. Moi pronto vos poderemos informar con maior detalle do ilusionante proxecto que imos desenvolver nas instalacións que temos alí.
O Plan Estratéxico afrontará un propósito moi determinante para o futuro do RC Deportivo: a saída do concurso. Ese fito é imprescindible para abordar o noso futuro cunha inmellorable contorna económica-financeira. Os máximos accionistas xa tomaron a decisión e están convencidos de que o imos a lograr pronto. Eles levantaron a man en 2020 para salvar a un club, o noso Dépor, que estaba abocado á desaparición.
Implicáronse entón e o seu compromiso permanece intacto: seguen asumindo a responsabilidade de levar ao Dépor á elite. É un compromiso co club, pero tamén con toda a cidade e cunha das mellores, se non a primeira, afección de España.
Porque o RC Deportivo é moito máis que un equipo de fútbol. É unha entidade que representa aos coruñeses e coruñesas, aos galegos e galegas, alá onde vai, desde 1906. Un Club cuxo prestixio traspasa fronteiras. É máis que un Club porque é un sentimento.
Queremos trasladar tamén o noso agradecemento aos socios e abonados, ás empresas e os particulares que colaboraron connosco estes anos. Co pago dos seus carnés, cos seus patrocinios, coa súa compra de palcos, están a axudarnos nesta travesía que, estou convencido, será moi curta.
A curto prazo imos tomar algunhas iniciativas imprescindibles para mellorar as relacións coa nosa contorna máis próxima.
Somos conscientes de que temos deficiencias na comunicación coa sociedade e con algunhas institucións. Vós, os medios, sodes esenciais para que todo o deportivismo únase ao redor dunha única ilusión: o ascenso á máxima categoría.
Queremos mellorar as canles de comunicación convosco. Facilitarvos, na medida das nosas posibilidades, os contidos que necesitades para trasladar o día a día do club ás vosas audiencias. Para iso, estamos a crear unha nova estrutura de comunicación que será realidade nas próximas semanas.
Como o club deportivo máis relevante da Coruña, as nosas relacións coas institucións coruñesas e galegas deben ser óptimas. Comezando polo noso concello. Desde aquí, póñome a disposición da alcaldía para xestionar todos aqueles asuntos que nos incumben a ambas as entidades. Unha das miñas primeiras accións será solicitar unha reunión con Inés Rey e presentarlle o noso proxecto.
Fóra de Galicia, o Dépor debe manter unha contorna de confianza e entendemento con institucións deportivas como a Federación de Fútbol.
En setembro temos previsto convocar unha Xunta Extraordinaria de Accionistas para avanzar na reestruturación do Club. Nela abordaremos, entre outros puntos, a reforma dos estatutos e, como xa indiquei, a saída do concurso.
A afección é o corazón do deportivismo e a eles quérome dirixir agora directamente. Son a terceira xeración dunha familia de socios do Dépor. O meu avó e o meu pai fórono. Seguro que ningún dos dous soñou que eu algún día pisaría o céspede de Riazor, o templo do deportivismo, para presentarme como presidente do Club.
Estou emocionado de estar aquí, por min e por eles. E comprometido co sentimento que nos une co noso Dépor quero lanzar unha mensaxe a todo o deportivismo: estamos aquí para volver facer do Dépor un club glorioso, querido, admirado e respectado en España e no mundo.
Ese é o noso soño e farémolo realidade. Contamos con todos e cada un de vós. Necesitamos máis que nunca a vosa paixón, o voso amor cara a estas cores e este escudo.
Sabemos que sufristes. Sabemos que cometeremos erros, que haberá días malos, pero non dubidedes nin por un segundo de que, igual que a nosa afección, imos dalo todo para conseguir o noso obxectivo. Estamos decididos a facelo: VANNOS A VER VOLVER.
Contamos convosco. Contamos convosco.
Forza Dépor!"