Kappa, patrocinador técnico do RC Deportivo, presentou hoxe da man do Club a primeira camiseta do Dépor 2022-2023, Galicia Azul, un deseño entre ambas as entidades que integra as cores branquiazuis do equipo co mar, tan próximo a ABANCA-RIAZOR, A Coruña e Galicia.
Dúas raias verticais azuis no frontal e unha branca do mesmo ancho, xunto co axuste doutras dúas brancas a ambos os dous lados, compoñen unha parte dianteira da camiseta na que o escudo, de goma na parte esquerda, e o ommini de Kappa, en branco na parte dereita, ocupan esa posición elevada distintiva de todas as pezas da marca italiana. A gran novidade é que esta temporada o Azul Pantone 300C, o azul Dépor, perde parte da súa intensidade ao diluírse na auga do mar que enche todas as bandas azuis, unhas bandas rematadas por unha fina liña azul mariño. O pescozo, redondo, está integrado nas propias raias. O logo de Estrella Galicia completa, unha temporada máis, a parte dianteira da elástica.
Nas costas, o espazo reservado para o nome e o dorsal cambia a súa masa plana azul Dépor polos tons dos reflexos da auga do mar. Na parte posterior do pescozo figura o nome da camiseta GALICIA AZUL escrito coa tipografía creada especialmente para o Dépor polo deseñador galego Rubén Prol. A aplicación de marca de ABANCA na parte inferior completa este innovador deseño da primeira camiseta do Dépor 22-23, as nosas cores.
Con Galicia Azul o RC Deportivo quere pór a disposición da sociedade o seu potente altofalante social para colaborar na difusión de campañas de concienciación de coidado e limpeza dos mares, proxectos cos que colabora a través da súa Fundación para contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas, concretamente ao 14: Vida submarina, conservar e utilizar sosteniblemente os océanos, os mares e os recursos mariños.
A primeira camiseta do Dépor para esta temporada, Galicia Azul, xa está a disposición do deportivismo nas DéporTiendas físicas e en www.deportienda.es.