RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Cara e cruz para Noel e Mella nos seus compromisos internacionais

Foto: - @SEFutbol -

#ANOSACANTEIRA tivo representación estes días nos compromisos internacionais das categorías inferiores de España.

Así, Noel López e David Mella participaron coa selección española sub-19 e sub-17 respectivamente nos Minitorneos Elite do Campionato de Europa de cada categoría que arrincaron o pasado mércores 23 e finalizaron hoxe martes 29 de marzo con sorte dispar para un e outro.

O rival esta tarde para a selección española sub-19 foi Dinamarca en Benidorm posto que Rusia, rival na segunda xornada, foi excluída da competición.

Para coarse na fase final, a selección española sub-19 necesitaba gañar por dous ou máis goles aos daneses. Houbo empate (3-3) que deixou pois fóra do campionato de Europa aos hispanos.

Noel López saltou ao céspede no minuto 69 en substitución de Ilias Akhomach.

O pasado mércores 23, a sub-19 igualou (2-2) ante Austria no Estadi Olímpic Camilo Cano da Nucía nun partido que se disputou baixo unha persistente choiva, o que foi empeorando o terreo de xogo co transcurso do xogo. Noel foi suplente e saltou ao céspede no minuto 81 en substitución de Nico Serrano.

Os resultados da selección española sub-19 foron os seguintes:

Mércores 23 de marzo
ESPAÑA 2 - AUSTRIA 2

Martes 29 de marzo
DINAMARCA 3 - ESPAÑA 3

O regreso de Noel á Coruña está previsto para mañá mércores 30 de marzo a tempo para incorporarse pola tarde ao adestramento do Dépor en ABANCA-RIAZOR.

Pola súa banda, hoxe martes 29 de marzo a selección española sub-17, con todo resolto, enfrontouse a Estonia na última xornada do Minitorneo Elite, no Stadium Novi Gradski da localidade de Ugljevik.

O marcador favoreceu aos españois (0-4). Mella arrincou o choque no banco e relevou a Víctor Moreno no minuto 76.

O pasado sábado 26 de marzo, David Mella enfrontouse a Bélxica, que no seu debut da primeira xornada goleou (8-1) a Estonia.

Gañaron os españois pola mínima (1-0), resultado que supuxo xa a clasificación matemática para a Fase Final do Europeo 2022 de Israel, cuxo sorteo será o próximo 6 de abril en Tel Aviv.

O canteirán branquiazul comezou o choque no banco e saltou ao céspede no minuto 78 en substitución de Dani Pérez.

O pasado mércores 23 na primeira xornada, os españois dobregaron a Bosnia Herzegovina (4-1) no Stadium Etno Selo Stanisici sito na localidade bosníaca de Bijeljina.

O atacante deportivista foi titular e foi relevado no minuto 46 por Víctor Moreno.

Os resultados dos españois foron os seguintes:

Mércores 23 de marzo
ESPAÑA 4 - BOSNIA HERZEGOVINA 1

Sábado 26 de marzo
ESPAÑA 1 - BÉLXICA 0

Martes 29 de marzo
ESTONIA 0 - ESPAÑA 4

David Mella regresará á Coruña ao longo de mañá mércores 30 de marzo e, por conseguinte, será baixa para o partido do Fabril en Redondela ante o CD Choco correspondente á 22 xornada de liga en Terceira RFEF que comezará ás 20:30 h.