RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carmen Carballada: "O Dépor para min é sentimento de pertenza"

A canteirá deportivista de 19 anos, Carmen Carballada, explica a curiosa maneira na que empezou a xogar ao fútbol e o que significa para ela pertencer a un club como o RC Deportivo e formar parte do primeiro quipo do Dépor ABANCA.  

-Como empezou a túa paixón polo fútbol?

-"A miña paixón polo fútbol empezou desde moi pequena. No recreo e no parque encantábame xogar cos meus compañeiros, pasábamo moi ben".

-Como se converteu esa paixón nunha realidade?

-"Empecei a xogar máis tarde do normal. Aos 10 anos fun a un campus de inverno no Vero Boquete e alí tiven a sorte de que unha das adestradoras era a adestradora da selección galega sub-12 e chamoume para adestrar. Por entón non tiña ficha de ningún equipo e tiven que empezar a adestrar nun para poder asistir aos adestramentos da selección. Foi algo moi curioso que me marcou moito".

-Canto levas no Dépor e como viviches a túa estancia no club?

-"Este é o meu cuarto ano no Dépor e desde que cheguei aquí sentinme como en casa. Tiven a sorte de compartir residencia con compañeiras, así que estiven moi a gusto. Non me custou saír de casa porque mo puxeron todo moi fácil e a miña estancia está a ser un privilexio".

-"A nivel deportivo, nas dúas primeiras temporadas estiven co filial, tanto adestrando como xogando. A temporada pasada xa estiven a adestrar toda a temporada co primeiro equipo. Ademais, fun convocada a algún partido e debutei. Este ano parecido, estou en dinámica de primeiro equipo e tentarei ir convocada o máximo número de veces posible e axudar ao equipo".

-Cal é o debut que máis che marcou?

-"Debutei a temporada pasada en liga, fronte ao Madrid CFF e tamén en Copa da Raíña. Con todo, o que máis me marcou foi o do outro día contra o FC Barcelona en ABANCA-RIAZOR polo contexto. Desde que empezas a xogar, tes o soño de debutar na máxima categoría nacional e é un soño que cumprín. Ese día lembrareino sempre, ademais tiven a sorte de que o meu pai puido estar na bancada, a miña nai non, pero sentina igualmente".

-"Quedo coa tranquilidade e a confianza que me transmitiu Irene. Pediume que fose eu mesma, competitiva e moi intensa".

-Como é estar en dinámica de primeiro equipo sendo tan novo?

-"O feito de estar con elas no día a día é un privilexio. Sinto moi afortunada porque son consciente do nivel que teñen e iso fai que me teña que esixir ao máximo para poder estar ao nivel. Sei que é moi positivo para min e teño que tentar aproveitar ao máximo as oportunidades que me brinden".

-"A nivel persoal, tanto o Corpo Técnico como as xogadoras fannos sentir unha máis, o mozas do filial temos moita sorte nese aspecto. Están moi pendentes de nós, se nos teñen que dicir algo nolo din, porque sabemos que é para mellorar".

-Que significa o Dépor para ti?

-"O Dépor para min é sentimento de pertenza. Ata que non estás aquí e vívelo desde dentro, non o acabas de entender por moito que cho expliquen. O ir paseando en Coruña e atoparche tres camisetas en cada rúa ou como se pon a cidade as fins de semana cando hai partido é incrible".

-"Eu ía todas as fins de semana a ABANCA-RIAZOR cando o equipo masculino estaba en 1ª RFEF e ver que a xente nunca perdía a ilusión é o maior tesouro do Dépor".

-Unha mensaxe que lle dirías á Carmen do pasado?

-"Que o esforzo sempre trae recompensa. Tamén é importante valorar os días que crees que non estiveches ben, porque todos contan. O talento nunca é suficiente se non se traballa. Diríame que siga confianza no traballo de cada día, que ao final todo chega".

-Outra mensaxe á Carmen do futuro?

-"Diríame que siga soñando sen límites e aproveitando para aprender ao máximo todos os días. Que tente espremer ao máximo estar a adestrar con esta xente todos os días".