Catro sesións matinais para preparar a visita do UE Cornellà a ABANCA-RIAZOR
O Dépor disporá de catro adestramentos matinais para preparar a seguinte cita ligueira, o sábado 23 de setembro ás 20:00 horas en ABANCA-RIAZOR (FEF TV) ante a UE Cornellà, correspondente á 5ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.
Os resultados da última xornada deixaron ao Dépor en 7ª posición da táboa con 6 puntos, a 4 puntos do Nastic de Tarragona, líder con 10. Ademais por diante dos branquiazuis marchan a Real Unión de Irún e a SD Logroñés (9 puntos); SD Ponferradina (8 puntos); e o Osasuna B e UE Cornellà (7 puntos).
En rolda de prensa o pasado sábado en Salamanca, Imanol Idiakez afirmou que "se nos fixamos nos puntos levamos menos dos que nos gustaría pero se nos fixamos no comportamento do equipo creo que en xeral hai mellores noticias que malas".
De feito, ao adestrador deportivista preocúpalle " máis que teñamos fose a Yeremay, que teñamos sancionado a Lucas por unha acción que podemos discutila, que teñamos fose a Barbero, que perdésemos igual a Mella. Iso é o que máis me preocupa agora mesmo, moito máis que o comportamento do equipo, que en liñas xerais é bo".
Cada día que haxa actividade na Cidade Deportiva esta semana, os futbolistas están citados ás 8:30 para almorzar. A maiores, mércores e xoves terán tamén que comer nas instalacións branquiazuis.
A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:
Martes 19 de setembro 10:30 h., Abegondo
Mércores 20 de setembro 10:30 h., Abegondo
Xoves 21 de setembro 10:30 h., Abegondo
Venres 22 de setembro 10:30 h., ABANCA-RIAZOR
Sábado 23 de setembro 20:00: Deportivo - UE Cornellà, en ABANCA-RIAZOR