Primeiro adestramento para o Dépor en 2025 con Dani Barcia na recta final da súa recuperación
O Dépor puxo fin hoxe xoves 2 de xaneiro ás súas vacacións de Nadal e realizou esta tarde na Cidade Deportiva o seu primeiro adestramento do ano 2025.
A primeira cita en LaLiga Hypermotion para Os Nosos será o sábado 11 de xaneiro ás 18:30 na Rosaleda ante o Málaga CF.
A boa noticia protagonizouna Dani Barcia, que completou cos seus compañeiros a primeira parte da sesión e seguiu a continuación co seu plan de readaptación cos readaptadores Nando Rodríguez e Alejandro Canosa.
Así pois, o central coruñés entra na recta final da súa recuperación a principios deste mes de xaneiro, tal e como vaticinou Óscar Gilsanz na súa última rolda de prensa do ano 2024.
O técnico branquiazul tivo a todos os seus futbolistas sobre o céspede salvo Pablo Vázquez, hoxe con traballo personalizado.
O corpo técnico dispuxo nesta primeira sesión do ano unha activación con rondos e roda de pases, un exercicio de posición e fútbol en espazo reducido; co cadro, incluído o fabrilista Aarón, dividido en 3 equipos.
Mañá venres 3 de xaneiro o Dépor adestrarase de novo en Abegondo a partir das 11:00 horas.