RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Omenuke Mfulu fai pública a súa carta aos Reyes Magos: "Seguir crecendo, seguir xogando, gozar cos compañeiros e ter bos resultados"

Omenuke Mfulu escribiu na sala de prensa de Abegondo a súa carta aos Reyes Magos para este novo ano 2025 no Dépor: "Seguir crecendo, seguir xogando, gozar cos compañeiros e ter bos resultados".

Con descanso competitivo esta fin de semana ao caer o equipo na pasada eliminatoria da Copa del Rey, queda o mediocentro branquiazul coa vantaxe de que "hai moito tempo para preparar o próximo partido", xa en LaLiga Hypermotion, previsto para o sábado 11 de xaneiro ás 18:30 na Rosaleda ante o Málaga CF (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2).

A nivel físico asegura sentirse "ben, ao 100%. As molestias quedaron atrás e imos seguir crecendo".

Despois de facer parella en sala de máquinas branquiazul con futbolistas como Villares, Jose Ángel ou Mario Soriano, apunta que "sinto cómodo con todos. É o adestrador o que elixe o once, a xente que xoga. Hai que estar preparado. Non teño ningún problema para xogar con Mario, con Villares... son bos xogadores e boas persoas".

Tampouco ten problemas co estilo de xogo do Dépor: "Veño da UD Las Palmas, que tiñamos tamén esta filosofía de xuntar xente, xuntar pases".

Mfulu dá a benvida a reforzos neste mercado de inverno xa aberto "se veñen axudar ao equipo. É o noso traballo. Estamos preparados para entradas, para saídas. O que veña será benvido".

Finalmente admite que é "difícil volver xogar despois de estar un ano sen facelo pero aos poucos estou con ritmo. Aínda teño marxe de mellora que creo que pode ser importante".