O Fabril caeu derrotado (2-1) esta noite nas Eiroas ante o Bergantiños CF en partido correspondente á 13ª xornada que foi aprazado o pasado 24 de novembro polo temporal de vento e choiva que azoutou ese día a comarca.
Con este resultado, o filial queda con 25 puntos na 6ª posición da categoría.
Coas baixas por lesión de Quique Teijo, Noé e Pablo García; o partido arrincou con outro contratempo para Manuel Pablo. Samu, que ocupaba o lateral dereito, viuse obrigado a retirarse após un choque co ex fabrilista Fito. Mardones relevou ao xuvenil.
O Bergantiños CF tentaba presionar arriba pero o Fabril aguantaba sen pasar apuros.
De feito, Álex Pereira tivo a primeira clara do seu equipo ao cabecear un saque de esquina.
Con todo, o que primeiro golpeou foi o equipo local. Pasada a media hora, Cristian remata de cabeza un corner de xeito imparable para Alberto.
O tanto deixou tocado ao Fabril, incapaz de crear perigo nesta primeira metade.
Após o paso polos vestiarios, o conxunto de Manuel Pablo tratou de imprimir unha marcha máis. Para iso, o técnico deu entrada a Aarón e Fabi.
A primeira da segunda parte para os branquiazuis protagonizouna Darío, a centro de Kevin.
Eran os mellores momentos do Fabril que aproveitou para igualar o partido grazas a Kevin Sánchez, desde o punto de penalti. O colexiado do encontro sinalou pena máxima a unha derriba a Luisao dentro da área do Bergantiños.
O internacional deportivista enganou a Canedo no lanzamento.
Pero a alegría durou pouco. Apenas 5 minutos despois, e de novo após un lanzamento de saque de esquina, o ex fabrilista Fito no primeiro pau cabecea á rede facendo o segundo tanto, ao cabo definitivo.
Non houbo tempo para polo menos lograr a igualada ante un rival que soubo manexar o final de partido.
O vindeiro domingo 22 de decembro ás 12:00, a Fabril visita á RS Gimnástica de Torrelavega.
Bergantiños CF: Canedo, Currás (Bastos, min. 70), Cristian, Fito, Tijan, Manu (Molina, min. 86), Reme, Uzal, Ramos (Musy, min. 60), Pachón (Antañón, min. 60) e Omar (Iago, min. 86)
Fabril: Alberto, Samu (Mardones, min. 13), Álex Pereira (Aarón, min. 61), Damián Canedo, Íker Vidal, Kike Fernández (Hugo Villaverde, min. 83), Alfaro, Guerrero, Luisao (Bil, min. 83), Kevin Sánchez e Darío Germil (Fabi, min. 61)
Árbitro: Alberto Lago Barreiro, do comité galego. Amoestou a Fito (min. 36), Manu (min. 52), Kike Fernández (min. 72) e Omar (min. 74)
Goles: 1-0 Cristian (min. 33); 1-1 Kevin Sánchez, de penalti (min. 69); 2-1 Fito (min. 74)
Incidencias: partido disputado nas Eiroas correspondente á 13ª xornada disputado baixo unha choiva persistente