Fran Alonso, técnico do Dépor ABANCA, pasouse pola sala de prensa de Abegondo a pouco máis de 48 horas de recibir en ABANCA-RIAZOR ao Levante UD este venres 17 de xaneiro ás 20:00 horas (Dazn).
Asegura que o partido ten "unha importancia de 0 a 10 de 10, como todos". Explica que "agora mesmo a situación na táboa di que somos rivais que estamos a loitar por unha mesma posición pero queda moitísima liga. Nós imos partido a partido. Todos os partidos son unha final para nós".
Ademais, apunta que o choque ten "ese factor psicolóxico de que sabes que unha vitoria che saca temporalmente deses dous postos de descenso, que agora mesmo cando encaixamos estar aí abaixo fainos ser un pouquiño máis débiles mentalmente. Entón saír de aí se cadra axudaríanos psicoloxicamente".
Recalca que "de verdade que cremos que todos os partidos son clave. Se cadra perdes o partido e ganas os dous seguintes e estás nunha situación mesmo mellor. Queda moitísima Liga, pero si que é certo que é un partido diante de #ANOSAFORZA contra un rival cos mesmos puntos na táboa e gustaríanos psicoloxicamente saír deses postos de descenso. Iso pódenos axudar para afrontar os seguintes partidos pero non deixa de ser un partido máis, 3 puntos que valen igual que ante calquera outro rival".
Sobre o Levante UD subliña que "ten un novo míster. É un rival moi forte. Non sabemos exactamente o que van expor. Teñen comportamentos do antigo míster, pero hai tamén cousas novas. Entón decidimos centrarnos en nós mesmos, sacar o positivo do último partido, que creo que sobre todo no primeiro tempo estivemos fantásticos, e tentar no noso estadio darlle unha alegría a #ANOSAFORZA e sacar os 3 puntos".
De feito, o adestrador branquiazul valora como "clave" o papel da afección: "A situación do equipo require bastante apoio. Ademais, vimos que aínda que o equipo sabe competir contra calquera, se cadra fainos falta ese extra psicolóxico e que mellor extra psicolóxico que ter aí a unha afección apoiándonos cando nos estamos xogando tanto. Eu convidaría a todos a que veñan, a que nos apoien e nós imos facer todo o que estea na nosa man para que estean súper orgullosos do equipo".
Fran Alonso pensa que en Tenerife o pasado sábado "tivemos falta de acerto e falta de sorte. Metemos un gol legal que se nos anulou e fallamos ocasións claras. Ao descanso tiñamos que ir gañando cun resultado máis favorable que o 0-1. Logo métennos un gol e aí miramos ao chan, baixamos os brazos e acabamos goleados nun partido que podiamos gañar cun pouquiño máis de sorte na primeira parte ou un pouquiño máis de acerto".
Así pois, "sabemos que estamos onde estamos. Agora mesmo a confianza témonola que gañar nós pero o que máis me importa é a sesión despois dese partido. O equipo adestrou súper ben, súper concentrado. O de Tenerife xa o puxemos no pasado porque o fútbol che dá unha oportunidade moi pronto e agora temos unha o venres e creo que o equipo está moi ben de confianza para o venres. O xogar tan ben a primeira parte nun campo moi difícil, onde só gañou o Real Madrid, e vímonos moi superiores no primeiro tempo, dános moitísima confianza. Por suposto, hai parte negativa, que é o resultado final, que é o que estamos a traballar, sobre todo esa fortaleza mental. Concedemos un gol, hai que seguir. O partido dura 95 minutos, non dura 45. Entón estamos a traballar con iso".
Localiza "un tema de debilidade mental, de fraxilidade mental, que lle pasa a moitos equipos que están na parte baixa da táboa e iso é o que hai que corrixir. Estamos a facer algo para corrixilo e estamos no bo camiño. Non temos ningunha dúbida de que traballando así imos conseguir o obxectivo porque estamos a crecer constantemente".