Fran Alonso manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo, minutos antes de viaxar a Tenerife, que "estamos moi contentos co cadro. Creamos un ambiente moi competitivo, onde están todas loitando por un posto no once e estamos moi contentos. Este cadro dános garantías para cumprir o obxectivo".
Do UD Costa Adeje Tenerife Egatesa, rival mañá sábado 11 de xaneiro ás 12:00 (hora galega, 11:00 hora local, Dazn) no Municipal de Adeje, afirma que "está nunha situación boa na táboa, están con confianza aínda que os últimos resultados se cadra non foron tan positivos, pero contra equipos de arriba. Nós centrámonos en nós mesmos. O equipo está a adestrar ben e podemos facerlles dano se facemos un bo partido".
Insiste o técnico deportivista que "nos fomos de vacacións con moi boas sensacións e agora é unha oportunidade de ratificar esas sensacións que temos. Nós non nos fixamos con quen estamos a loitar. Temos que tentar gañar todos os partidos que poidamos. Centrámonos partido a partido. O UD Costa Adeje Tenerife Egatesa é un rival moi difícil, nun campo difícil onde non é fácil puntuar; pero temos moita ilusión, así que daremos o mellor de nós mesmos e oxalá que podamos conseguir o obxectivo".
A nivel persoal, Fran Alonso asegura ter "sorte de estar aquí con xente incrible, moi traballadora, moi comprometida. Xa non falo só de xogadoras, tamén de staff. Fixeron a adaptación súper fácil. Trouxemos novos membros para o staff técnico e estou moi contento. O ambiente é moi bo, a pesar de que a situación na táboa non é a que queremos. Estou moi a gusto e síntome como que levo aquí 3 anos".
Finalmente, lembra que "non repetimos aínda aliñación. Iso fainos que todas están enchufadas e dános bastante calidade no adestramento. Desde que cheguei o primeiro día aumentamos a calidade nese adestramento".
E admite que cando chegou "se cadra a idea principal que eu tiña era dominar o partido, ser protagonista. Pero somos un equipo que acabamos de ascender contra equipos que teñen moita experiencia e moita calidade. Entón non podemos dominar todos os partidos, polo menos non durante todo o partido. Tivemos momentos bos en todos os partidos e iso fíxonos centrarnos en ser moito máis sólidos defensivamente. O equipo demostrou que cando temos que defender en bloque baixo, bloque medio, estivemos moi ben organizados. Foi moi difícil xerarnos ocasións. E cando iso pasa estamos a mellorar as transicións. As ocasións que tivemos, por exemplo contra a Real Sociedad, son moi claras e hai que metelas. Puxemos esta semana moita énfase nese último último terzo do campo, movementos e finalización. Se melloramos iso podemos dar outro pasiño máis adiante".