RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Cris Martínez ve esta Liga F "moito máis competitiva. Está a apostarse moito máis, entón os equipos son máis fortes"

Despois de vivir xa a primeira experiencia na máxima categoría do fútbol feminino español co Dépor ABANCA, Cris Martínez ve esta Liga F "moito máis competitiva. Está a apostarse moito máis, entón os equipos son máis fortes. Cambia moito a cousa da nosa primeira experiencia en Primera e todo vai sempre a mellor".

Lembra que para As Nosas vén un mes de "enfrontamentos contra rivais directos. Pensas no importante que vai ser agora estes partidos porque o duelo directo é clave, os goles que che metan son claves. Pensamos maiormente en nós, en que o fagamos ben e que non teñamos que estar pendente de ningún outro equipo, senón de nós soamente".

A capitá branquiazul asegura que o Dépor ABANCA encara o encontro deste sábado 11 de xaneiro ás 12:00 (hora galega, 11:00 hora local) no Municipal de Adeje ante o UD Costa Adeje Egatesa Tenerife "con moita ilusión. O último partido de liga contra a Valencia Féminas CF conseguimos unha vitoria importante. Entón estamos con ganas de seguir nesa dinámica e de ir a por os 3 puntos".

Advirte sobre o partido en Adeje que "ir a Canarias sempre é complicado. É un rival moi forte na súa casa; entón será un partido serio, difícil. Temos que estar moi concentradas os 90 minutos e aproveitar as oportunidades que teñamos".

Recoñece que o equipo tivo no mes de decembro "un par de partidos nos que encaixamos moitos goles. Houbo cambio de adestrador, cambio de sistema, había que ir vendo as ideas que nos pedía Fran e ir matizando os pequenos detalles. O partido de Valencia foi un partido serio e hai que seguir nesa liña. E mellorar, por suposto".

Finalmente Cris Martínez é rotunda á hora de pedir un desexo para o 2025: "A permanencia".