RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

María Sampalo, nova xogadora do Dépor ABANCA 2021-2022

María Sampalo Pérez (Guadalcacín, Cádiz, 5 de decembro de 1999) converteuse en nova xogadora do Deportivo ABANCA de cara ao exercicio 2021-2022.

A porteira andaluza, que chega procedente do Madrid CFF, ten no seu haber cinco temporadas de experiencia na máxima categoría do fútbol nacional, ademais de alcanzar a internacionalidade tanto en categoría sub-19 como en sub-20.

A carreira de María Sampalo desenvolveuse no CD Guadalcacín (2012-2013), Sevilla FC (2013-2015), Sporting Huelva (2015-2016), Málaga CF (2016-2017), EDF Logroño (2017-2019), CD Fundación Osasuna (2019-2020) e Madrid CFF (2020-2021). O seu paso pola Primera Iberdrola produciuse nos seus dous cursos nas filas sevillistas (con só 14 anos), a súa única campaña no cadro onubense, a segunda nas filas rioxanas e o curso pasado na formación madrileña.

O gran momento de María Sampalo coa selección española produciuse en 2016, cando foi convocada para o Mundial sub-20 cando soamente tiña 16 anos, compartindo portería con Mariasun Quiñones e Amaia Peña. España caeu en cuartos de final ante a futura campioa, Corea do Norte, na prórroga (3-2). A nova gardameta branquiazul coincidiu naquel vestiario coa Deportivista Ainoa Campo.