Massimo Benassi, conselleiro delegado do RC Deportivo, atendeu aos medios de comunicación no Hotel NH Tenerife, cuartel xeral do RC Deportivo.
Explicou que "as últimas horas foron complicadas. Os xogadores e o corpo técnico queren xogar pero polas decisións tomadas polo Cabildo en primeira instancia e logo LaLiga non foi posible. Non é unha situación moi bonita pero xa enfocados no seguinte partido".
Barallouse a opción de disputar o encontro mañá luns 16 de decembro "pero os Estatutos da Federación non permiten xogar en día de eleccións. Outra circunstancia non moi afortunada", apostilou.
Afirma que agora "LaLiga ten que propor unha nova data e logo podemos presentar alegacións se non estamos conformes".
Iso si, advirte que o CD Tenerife "ten outro partido aprazado co Levante UD que ten que recuperar. E ao ter Copa, pode pasar e tampouco podería ser en data de Copa. O normal é que sexa cara a finais de xaneiro".
Desexa que "non pase nada" pola climatoloxía e agradeceu aos afeccionados que se congregaron diante do hotel porque "é impresionante. Non deixan de sorprendernos. É unha pena. Sentímolo moitísimo polos afeccionados porque con todas as horas de avión, os quilómetros que fixeron é unha pena".
Conta Massimo Benassi que "o equipo segue o mesmo plan. Mañá temos un voo ás 7 da mañá para volver á Coruña; e á espera de que LaLiga poña unha data na que se poida xogar".
Finalmente lembra que "desde mañá todos os afeccionados desprazados recibirán un correo coas instrucións para obter a devolución do diñeiro. Volver agradecerlles o esforzo que fixeron, sentímolo moito e a gozar os dous partidos que nos quedan en ABANCA-RIAZOR. E a gañar".