Suspendido o partido do Dépor deste domingo en Tenerife ante "unha situación climatolóxica excepcional"
O partido entre o Deportivo e o CD Tenerife, previsto para este domingo, ás 21:00 horas, no Heliodoro Rodríguez López foi suspendido.
A RFEF informou nun comunicado oficial que "ante a situación climatolóxica excepcional prevista, e após a posta en marcha por parte do Cabildo Insular de Tenerife do Plan de Emerxencias Insular ante a alerta máxima por fortes ventos emitida pola AEMET, tomouse a decisión, seguindo as indicacións do Xuíz Único de Competicións Profesionais, de aprazar o encontro".
A Federación apunta que a data e horario do partido serán comunicados "o máis axiña posible".
A expedición deportivista pasará a noite en Tenerife e regresará á Coruña mañá luns á primeira hora da mañá directa a adestrar a Abegondo, nunha sesión que comezará a partir das 12:30 horas.