David Simón foi un dos nomes propios da xornada no Deportivo. O lateral canario, afectado dunhas molestias na pube, comezou hoxe luns a súa progresiva incorporación aos adestramentos co grupo, proceso que se irá completando nos próximos días a condición de que a evolución do futbolista así o permita.
Así, tanto pola mañá como pola tarde, David Simón realizou unha parte das tarefas co resto dos seus compañeiros; para completar posteriormente o seu traballo co readaptador físico do primeiro cadro Fran Molano.
Adestráronse esta tarde á marxe dos seus compañeiros Pedro Mosquera e Diego Rolan.
Tras uns rondos, o cadro realizou un exercicio táctico por grupos nos campos 2 e 3; e concluíu cun partido a tres cuartas partes de campo, no que non participaron, de acordo cos Servizos Médicos, Fede Cartabia e Christian Santos.
O Dépor arranca a terceira semana de pretemporada cun esixente traballo físico
O Deportivo iniciou esta mañá en Abegondo a súa terceira semana de pretemporada, na que haberá dúas novas citas amigables: mércores 31 de xullo en Pasarón fronte a CD Tenerife (21:00 horas) e Pontevedra CF (22:00), e sábado 3 de agosto en Vilalba ante a SD Ponferradina.
Os futbolistas branquiazuis arrancaron cun esixente circuíto físico de forza, dirixido polo preparador físico Marcos Marcén.
A sesión completouse con ensaio de movementos tácticos en dous grupos, no campo 2, xa baixo a batuta do técnico Juan Antonio Anquela; e un partido final a metade de campo, de alta intensidade.
David Simón comezou a realizar tarefas co grupo e continuou o seu traballo co readaptador Fran Molano, con quen estiveron ademais Pedro Mosquera e Christian Santos. Non chegou a saltar ao céspede Diego Rolan, que quedou no vestiario con ximnasio, tratamento médico e fisioterapia.
Mañá martes haberá outra vez dobre quenda na Cidade Deportiva: 10:00 e 18:30 horas.