RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

O Fabril arrinca a liga mañá domingo coa visita a un Real Avilés Industrial CF chamado a estar en primeira fila

O Fabril inicia a súa andaina en Segunda Federación mañá domingo 3 de setembro (17:00 horas) coa visita ao Real Avilés Industrial CF.

O partido disputarase no Estadio Román Suárez Puerta de Avilés e poderase seguir en directo a través de Real Avilés Industrial.TV.

O filial deportivista chega ao partido coa fichaxe onte mesmo de David Vilán, un extremo cedido polo Atlético de Madrid; e coa alegría das convocatorias internacionais de Iano Simão con Guinea-Bisáu; e de David Mella, este hoxe en Lugo co primeiro equipo, e Kevin Sánchez coa selección española sub-19.

En rolda de prensa, Óscar Gilsanz alertou durante a semana do potencial do rival, que sen ir máis lonxe a temporada pasada "quedou a un partido do ascenso".

Aínda así, o técnico fabrilista promete "tratar de seguir sendo un equipo que se impoña a través do balón, que sexa dominador, pero tamén é certo que a calidade dos rivais vainos a facer en moitos casos adoptar outro rol, que por outra banda a min sempre me gustou que os meus equipos tivesen; máis que nada porque é a realidade do fútbol de alta competición".

Após a última sesión de hoxe sábado, caen da convocatoria ao estar co primeiro equipo Mella, Jairo e Martín Ochoa.

Entre os citados figuran unha serie de futbolistas que estiveron boa parte do verán traballando con Imanol Idiakez, tal como Marc Lachévre, Somolinos, Brais Val, Nájera, Diego Gómez, Barba, Tim, Rubén, Álvaro Santamaría ou o xuvenil Kevin.

Pola súa banda, Emilio Cañedo, adestrador dun Real Avilés Industrial xa con 2.000 abonados, asegurou en rolda de prensa que "estamos contentos coa pretemporada e coa esixencia da pretemporada; ilusionados e confiados en que as sensacións as podamos trasladar aquí ao estadio".

Advirte que nesta categoría "todos os rivais son moi complicados e neste caso máis. O Fabril uniu neste equipo 3 das xeracións máis exitosas do fútbol español. É un club que traballa moi ben a canteira. Sabémolo por experiencia de enfrontarnos a eles toda a vida".

Tacha ao filial branquiazul de "un moi bo equipo. Estivémolo observando. Ten moitísimas alternancias, moitísimas posibilidades e está moi ben traballado, co cal vai ser un rival moi complicado".