RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo, comprometido coa protección dos menores de idade

O RC Deportivo da Coruña continúa avanzando no seu compromiso coa protección do menor e os espazos seguros. Neste sentido este pasado luns todos os corpos técnicos do fútbol formativo masculino e feminino, así como todas as persoas que interactúan coas categorías inferiores do club, recibiron unha formación presencial nas instalacións de Abegondo por parte do departamento de Compliance e da Dirección de Fútbol Formativo sobre o protocolo de protección do menor e a LOPIVI (Lei Orgánica 8/2021 de Protección Integral da infancia e a adolescencia fronte á violencia).

O obxectivo principal desta formación foi reforzar a posición do Club como unha ferramenta social máis na erradicación da violencia en contornas educativas e formativas dos nosos deportistas.

Para conseguilo, as actividades da nosa entidade téñense que desenvolver en "espazos seguros" para os nosos nenos, nenas e adolescentes, libres de calquera tipo de violencia (física, verbal, sexual, emocional e cibernética) e/ou comportamento reprochable por parte dos formadores e persoas vinculadas co desenvolvemento dos deportistas, sendo responsabilidade de todos crear un ambiente de respecto, aliñado cos valores da entidade.

O seguinte paso será presentar e compartir esta información ás familias e aos propios deportistas como parte activa dun centro de formación, Abegondo, que quere seguir sendo unha referencia no coidado e protección dos menores.