RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo, o Concello da Coruña e a Federación Galega de Fútbol afinan detalles técnicos e loxísticos de cara á visita dos delegados da FIFA

O RC Deportivo, o Concello da Coruña e a Federación Galega de Fútbol celebraron unha nova reunión técnica este sábado, centrada en pechar os aspectos técnicos e loxísticos ante a próxima visita dos delegados da FIFA, programada para o martes.

O encontro, realizado no Comedor Abelenda do Palacio Municipal, contou coa participación do conselleiro delegado do RC Deportivo, Massimo Benassi; o director de estratexia e planificación, Paulo Dinis; o director corporativo, Jan Wappler; o director de infraestruturas, Iván Sánchez; o director de comunicación, Manu Sainz; o asesor legal, Ángel Chavarría, e a responsable de protocolo, Tania Fernández.

Por parte do Concello, asistiron os responsables de coordinación das visitas técnicas, operativos no aeroporto, estadio e fan zone; o equipo encargado da loxística do Concello, e David Estany, arquitecto responsable do anteproxecto do estadio ABANCA Riazor. A Federación Galega de Fútbol estivo representada polo seu secretario xeral, Diego Batalla, e o vicepresidente, Juan Luís Villamisar.

Durante a reunión, informouse ao RC Deportivo de que o seu rol na visita da FIFA limitarase a unha representación institucional e a brindar soporte técnico nas instalacións do estadio ABANCA-RIAZOR e a Cidade Deportiva de Abegondo. 

Após esta reunión, o Club reitera algunhas das preocupacións que expuxo nos últimos meses, como a sustentabilidade futura do proxecto e a convivencia entre as obras e a actividade deportiva do equipo.

O RC Deportivo subliña que non conta con orzamento nin patrocinio para financiar unha eventual reforma do estadio, tal como expresou desde o inicio do proceso. No entanto, reafirma a súa disposición a colaborar en calquera execución futura, sempre que se aclaren as dúbidas e o Concello garanta os recursos necesarios.

Así mesmo, o RC Deportivo considera fundamental que calquera mellora no estadio teña un enfoque sustentable e asegure a utilidade do espazo máis aló do Mundial 2030. O Club avoga por unha planificación detallada e unha comunicación constante, especialmente en temas clave como a infraestrutura e a experiencia do espectador, para cumprir cos estándares internacionais.

O RC Deportivo insiste na importancia de manter un diálogo aberto e transparente entre todas as partes implicadas. É esencial que calquera proposta respecte a realidade económica do Club, que acaba de saír do concurso de acredores despois de 12 anos, e dos seus patrocinadores e non comprometa a súa viabilidade futura.

Por último, o RC Deportivo espera que as próximas reunións sexan produtivas e continuaremos colaborando co Concello e outros socios para asegurar que calquera proxecto, incluídas as reformas do estadio para o Mundial, beneficie a todas as partes sen pór en risco a estabilidade do Club.