RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz: "Lucas merece unha tarde así"

Óscar Gilsanz manifestou na sala de prensa do Nuevo Mirandilla que "o guión do partido para Lucas é perfecto porque merece unha tarde así".

Indica que "moi poucas veces vin que co 1-2, un gol que lle facía dano ao Cádiz CF, a afección local dese a ovación que lle deu. Ten mérito tanto Lucas polo que deixou aquí como a afección de Cádiz".

Nesta liña, opina que "nun momento da segunda parte onde todos nos xogamos moito, darlle esa ovación a un xogador que deixou tan bos recordos aquí pero que está no rival merece o meu parabén. Primeiro a Lucas porque se merecía unha tarde como hoxe pero logo á afección do Cádiz que mostrou un señorío, unha deportividade e un agradecemento ao propio xogador espectacular".

Iso si, non se esquece de #ANOSAFORZA, que no Nuevo Mirandilla "deu un nivel altísimo ao equipo, sobre todo nos malos momentos. Levantounos a ser capaz de superalos. A nosa afección, que é a mellor do mundo e a do Cádiz a segunda, merécese que aos poucos vaiamos dando pasos cara a adiante e estar en disposición de poder nun momento máis pronto que tarde chegar a Primera División".

O preparador deportivista comenta respecto diso do ascenso que "todos no Club camiñamos nesa dirección pero eu sempre penso que o camiño é o que tes baixo os teus pés e baixo os nosos pés temos esta semana Copa del Rey".

Finalmente Óscar Gilsanz non quixo valorar a actuación arbitral porque considera ao colexiado como "un deportista máis que tenta facelo o mellor posible" aínda que si recoñeceu que "no banco sorprendeume un pouco que non vira a xogada do penalti (de Helton Leite) no VAR. Parecíanos que Helton tocara balón. E de aí as súas protestas".