Óscar Gilsanz resalta o "grandísimo nivel" do Málaga CF nas últimas xornadas
Óscar Gilsanz advertiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o partido de mañá sábado 11 de xaneiro ás 18:30 na Rosaleda ante o Málaga CF (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2) é "contra un rival que sobre todo nas últimas xornadas estivo a un grandísimo nivel".
Subliña que o cadro andaluz é un equipo "capaz de encaixar poucos goles e de ter moita profundidade sobre todo a través dos seus extremos. É un equipo con algunha similitude connosco en canto a que é un equipo novo, dinámico, que trata de buscar a portería contraria".
O técnico deportivista pide "buscar ese equilibrio que nos permita ser capaces de manexar esas situacións".
Do ambiente que se vivirá na Rosaleda, un estadio que apunta ao cheo, opina que "as afeccións do Málaga e do Dépor son posiblemente das máis numerosas. A nosa está noutra categoría, pero son das mellores da categoría e esperámonos un ambiente co campo cheo. Iso é bo para o espectáculo, para o fútbol. Sería o ideal en todos os campos que houbese ese ambiente que vai haber en Málaga como o que hai aquí en ABANCA-RIAZOR cada semana. Para os futbolistas, para os protagonistas no campo é positivo".
Após coincidir en ANOSACANTEIRA con Sergio Pellicer, este no banco do Fabril, Óscar Gilsanz espera un Málaga CF "que se xunta moito, que defende en pouco espazo e que encaixa poucos goles". Ademais, resalta que vai xogar "coas liñas moi xuntas, que vai tratar de apertar a nosa saída de balón e ser agresivo na presión".