O Dépor arrinca a segunda volta de LaLiga Hypermotion mañá sábado 11 de xaneiro ás 18:30 na Rosaleda ante o Málaga CF (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2).
Os Nosos chegan a esta primeira cita oficial do ano 2025 en 17ª posición da clasificación con 24 puntos.
"Cando se volven dunhas vacacións, por outra banda necesarias porque os futbolistas tamén necesitan ese momento para estar coa familia e para desconectar, levamos uns adestramentos a moi bo ritmo, a moi bo nivel. E trataremos de demostralo no próximo partido", subliñou Óscar Gilsanz na sala de prensa esta mesma mañá.
É baixa Diego Villares, sancionado pola súa expulsión ante o CD Mirandés no partido do pasado 22 de decembro en ABANCA-RIAZOR.
Asi mesmo lembra sobre Dani Barcia que "o seu último partido foi en Almería. Despois de todas estas semanas cunha recuperación lenta dunha lesión muscular, aínda que é certo que desde o martes está incorporado no traballo de grupo, está para ser convocado pero veremos para cantos minutos podería estar ou non. Leva 2 meses sen competir e trataremos da man dos Servizos Médicos de ir acoutando o que nos pode ir dando a súa progresión".
Admitiu certas dúbidas o preparador branquiazul con Mella, que "estivo cunhas molestias nun nocello"; e explica que "o mércores estaba cun pouco de dor, onte non tiña pero a sesión era moi liviá. Tratamos de coidalo. Non creo que teña ningún problema".
O equipo realizou esta mañá unha última sesión de traballo en Abegondo antes de viaxar pola tarde a Málaga na que o cadro repasou o plan de partido no campo 3, despois dunha activación con roldo.
Retiráronse antes aos vestiarios Escudero e Barbero, con molestias físicas.
Pola súa banda, o Málaga CF, que acabou 2024 con triunfo (1-3) no Molinón ante o Sporting, é 10º na táboa con 30 puntos.
Na primeira volta disputada o pasado 6 de outubro en ABANCA-RIAZOR houbo empate sen goles entre deportivistas e malacitanos.
Na Rosaleda esta campaña o equipo que dirixe o ex técnico do Fabril Sergio Pellicer gañou ao Albacete Balompié (2-1), SD Huesca (1-0), SD Eibar (1-0), FC Cartagena (1-0) e CD Eldense (3-0); empatou co CD Mirandés (1-1), Real Oviedo (0-0), Real Racing Club (0-0) e UD Almería (1-1); e perdeu co Elche CF (0-3).
En rolda de prensa o adestrador malagueño confesa ter "ganas de ver un estadio cheo, diante da nosa afección, como puidemos comprobar no último adestramento a portas abertas".
Espera unha segunda volta "trepidante, moi complicada" e pide "ser nós e que vaiamos por ese camiño".
Finalizado o encontro, Os Nosos pasan a noite en Sevilla e viaxan o domingo á primeira hora da mañá á Coruña. Óscar Gilsanz citou de novo ao seu cadro o luns 14 de xaneiro en Abegondo para adestrar a partir das 11:00 horas.