Pablo Vázquez Pérez (Gandía, Valencia, 7 de outubro de 1994) é novo xogador do Dépor, co que se comprometeu polas próximas tres temporadas.
Defensa central de gran envergadura (1,85 metros de estatura), vén de xogar as dúas últimas temporadas na segunda categoría do fútbol español co FC Cartagena, sumando 51 aparicións e 3 goles.
A experiencia do central valenciano na Segunda División é de 56 encontros en 3 temporadas, mentres que no terceiro chanzo disputou 118 partidos (4 deles de playoff de ascenso a Segunda) e marcou 15 goles ao longo de 5 temporadas.
Pablo Vázquez formouse nas canteiras de varios clubs valencianos (UE Tavernes, CF Crack's e Huracán Valencia CF), antes de debutar como senior no CD Llosa, en Tercera División, na campaña 2013-14. Nesa mesma categoría xogou as dúas seguintes temporadas, 2014-15 co Ontinyent CF e 2015-16 co San Fernando CD Isleño.
O Córdoba CF fíxose cos seus servizos de cara ao curso 2016-17, no que na súa estrea en Segunda B se converteu nun dos alicerces do filial verdibranco, disputando 34 partidos e marcando 4 goles. Durante esa temporada debutou co primeiro equipo cordobés en partido de Copa del Rey fronte ao Cádiz CF.
Pablo Vázquez cambiou de capital andaluza na temporada 2017-18, cando fichou polo Granada CF para actuar igualmente co seu filial, en Tercera División. No mercado de inverno saíu cedido ao AD Alcorcón, co que efectuou a súa estrea en Segunda División, disputando 5 partidos.
De regreso a Granada, incorporouse ao primeiro equipo após asinar por dous anos de cara ao curso 2018-19, aínda que só participou nun partido de Copa del Rey. No mercado de inverno foi cedido á Cultural y Deportiva Leonesa, coa que xogou 17 partidos e marcou 2 goles en Segunda División B.
No verán de 2019, Pablo Vázquez rescindiu o seu contrato co Granada CF para fichar polo CD Badajoz. Co cadro pacense disputou 2 campañas en Segunda B, sumando 47 partidos e 6 goles, un título do Grupo V e dúas participacións en fase de ascenso a Segunda. Na campaña 2019-20, o CD Badajoz caeu en semifinais, por penaltis, fronte ao FC Barcelona Atlètic. No curso 2020-21 perdeu a final fronte ao SD Amorebieta.
O seu bo desempeño nun equipo punteiro da categoría de bronce valeulle o salto á de prata no verán de 2021, cando asinou polo FC Cartagena. No conxunto murciano militou as dúas últimas campañas, nas que foi un asiduo no once inicial (51 partidos, 49 como titular) dun equipo que concluíu na 9ª posición ambas as temporadas.